A XVII Semana de Recollida de RAEE recolle 900 quilos de residuos

martes, 26 de decembro do 2023 S. P.

A XVII Semana de Recollida de RAEE da UVigo, promovida pola Vicerreitoría do Campus de Pontevedra e dirixida a concienciar á comunidade universitaria da importancia que ten un correcto tratamento como residuos dos aparellos eléctricos electrónicos, permitiu reunir preto de 900 quilos de equipamentos informáticos, pequenos electrodomésticos e outra serie de aparatos.
Tralo seu desenvolvemento ao longo da segunda semana de decembro (a comprendida entre o día 11 e o 17), a partir da seguinte semana procedeuse a recollida e traslado a un xestor autorizado no tratamento deste tipo de residuos dos aparellos que a comunidade universitaria depositou nos puntos habilitados nas diferentes facultades e escolas do Campus, así como na Casa das Campás e no Pavillón Universitario.
Co Escola de Enxeñaría Forestal e o edificio que comparten as facultades de Comunicación e de Dirección e Xestión Pública como os centros con maior participación, a décimo sétima edición desta iniciativa permitiu reunir 73 equipos informáticos e de telecomunicacións e 31 monitores, pantallas e televisores. A estes súmanse 120 quilos de pequenos aparellos ou compoñentes informáticos, que xunto a outra serie de equipos de telecomunicacións ou electrodomésticos, sitúan a cifra total de residuos recollidos nos 900 quilos.

PUBLICIDADE