A XXII Noite Galega das Telecomunicacións xirará arredor da ciberseguridade

martes, 4 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) teñen estes días unha serie de novidades entre mans. Por unha banda, a asociación está a festexar este ano o seu 25 aniversario e o colexio o seu medio século de vida, con todo o que de especial significado ten esta celebración (décadas e máis décadas de intenso traballo a prol do desenvolvemento das comunicacións avanzadas na nosa terra). Pola outra, está a preparar os detalles da que será unha das grandes xuntanzas da tempada, xa non só do ámbito TIC, senón de todo o conxunto de “ámbitos” da nosa terra: a Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Segundo nos recorda o novo director da AETG, Julio Sánchez Agrelo, a nova edición da gala xirará arredor da ciberseguridade. Ademais, como de costume, virá acompañada da entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións, cos que se recoñecen os proxectos e as persoas que traballan neles, pola súa contribución á sociedade a traveso das TIC.
A Noite Galega deste ano celebrarase o día 29 de setembro contando coa ciberseguridade como fío temático principal. Segundo nos contou recentemente o director da AETG, “escolleuse esta temática para analizar os diferentes factores que inflúen no afianzamento da utilización do espazo dixital de forma segura”. Estarán presentes neste foro todos os axentes implicados en ciberseguridade, tanto do ámbito privado como do público, para tomar consciencia da importancia do ciberespazo e a seguridade do mesmo no desenvolvemento económico e social.
Polo que respecta aos Premios Galicia das Telecomunicacións, divídense en tres categorías:
A primeira é Premio Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector 2017, convocado pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e patrocinado pola Fundación Gerardo García Campos e dotado con 6.000 euros. Trátase dunha iniciativa que premia aqueles proxectos empresariais emerxentes no ámbito das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) que representen unha innovación, coa finalidade de darlles un impulso económico, empresarial e social a aquelas empresas que están empezando a súa andaina.
A segunda modalidade, convocada pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, é o Premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2017. Coa concesión desta distinción patrocinada pola Fundación Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e dotada con 1.500 euros, preténdese fomentar a realización de teses doutorais con potencial de aportar valor no mercado como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer a aqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicable ao sector TIC.
Polo que respecta á terceira categoría, convocada tamén pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, trátase do Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2017, achegado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) da Xunta de Galicia. Este galardón de carácter honorífico, pretende recoñecer os mellores proxectos no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación que contribúan e aporten beneficios á sociedade.
Segundo lembra o COETG-AETG, toda a información sobre as convocatorias dos premios está dispoñíbel na web corporativa www.aetg.gal.

PUBLICIDADE