A Xbox 360 estrea versión branca con Kinect

xoves, 3 de maio do 2012 Marcus Fernández

Mañá sae á venda en España, por tempo limitado, unha edición en cor branca, con 4 Gb de almacenamento interno, co sensor Kinect e os xogo Kinect Adventures e Kinect Sports por 299,99 euros. O paquete (do que xa falamos cando saíu nos EE.UU.) inclúe 3 meses de subscrición a Xbox LIVE Gold, o que facilita o xogo en rede e outros servizos de lecer electrónico que achega Microsoft ao salón a través desta plataforma de lecer electrónico.
Pero aínda que esta é a última novidade de Microsoft en España, nos EE.UU. estase a falar dun novo paquete de Xbox 360 que poderían lanzar a semana que vén e que sería o equivalente ao que chega mañá ao noso país, pero cun prezo de só 99 dólares, aos que habería que engadir 15 dólares/mes para acceder a Xbox LIVE Gold e algún contido adicional durante 2 anos, o que sairía só lixeiramente máis caro que mercar a consola e subscribir o servizo de Xbox LIVE, converténdose nunha opción asumible para quen non queira desembolsar tal cantidade de cartos de vez. Estariamos ante un modelo de comercialización moi semellante ao que veñen a seguir os operadores de telefonía móbil durante os últimos anos, e que podería sentar un precedente na industria dos videoxogos, na que os prezos das consolas poden supor unha barreira de entrada difícil de superar nos primeiros anos de vida de cada xeración.

PUBLICIDADE