A Xbox 360 recibe unha importante actualización do seu Dashboard

mércores, 7 de decembro do 2011 Marcus Fernández

Cunhas horas de retraso para desesperación dos máis impacientes chegou a actualización do Dashboard da Xbox 360, incorporando á consola de videoxogos de Microsoft unha nova interface de uso que asemella a dos móbiles con Windows Phone, engadindo o soporte do castelán ao recoñecemento de voz para os usuarios do sensor Kinect (de xeito que podemos controlar múltiples funcións da consola mediante ordes orais) e abrindo a porta a un novo xeito de consumo televisivo, xa que os usuarios Gold de Xbox 360 poden agora ver unha serie de canles de televisión dende a súa consola doméstica.
Entre os contidos que poden accederse dende a Xbox 360 están hoxe as canles de Movistar Imagenio, os vídeos de YouTube e Zune (servizo que soporta a busca por voz Bing), mentres que ao longo do mes chegarán Canal+ Yomvi, Gol Televisión, TVE, Muzu.tv, Dailymotion e Sensacine. Antena 3 Televisión, MLB.TV e Televisa faranse agardar ata primeiros de 2012.
Esta actualización da Xbox 360 facilita tamén a interacción entre a consola e o móbil, característica especialmente interesante no caso de contar cun terminal con Windows Phone:


Pero a relación co móbil non quedará aí, senón que Microsoft tamén estreou a aplicación My Xbox LIVE para iPhone, iPod Touch e iPad, que permite facer un seguimento dos logros acadados na Xbox 360, comparalos, conectar cos amigos de Xbox LIVE e mudar a aparencia do noso avatar en 3D. Tamén facilita xuntarse cos amigos e obter máis información acerta dos xogos e aplicacións de Xbox LIVE máis recentes.

Agora poderemos consultar numerosa información de Xbox LIVE a través de dispositivos con iOS




Presentación da integración de Imagenio coa Xbox 360

PUBLICIDADE