A Xbox One abrirase ao desenvolvemento indie

venres, 26 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Aínda que cando se presentou a Xbox One inicialmente comentáranse numerosas limitacións que definirían en boa medida a política que ía seguir a futura consola doméstica de Microsoft, tras a feira E3 deuse un cambio de temón por mor do rexeitamento do público a unha aposta tan decidida polo formato dixital, e agora sabemos que outro dos detalles máis polémicos das informacións iniciais, a necesidade de buscar un editor para publicar un xogo para Xbox One, está a desbotarse, e dende o blog oficial de Xbox confirman que será posible auto publicar para a Xbox One.
Dende Microsoft non só aseguran que vai ser posible o desenvolvemento indie para Xbox One, senón que matizan que non será preciso contar cunha consola especial para facer tal, senón que calquera Xbox One poderá empregarse para desenvolver, instando aos interesados á acudir á Gamescom de Colonia que terá lugar entre os días 21 e 25 do mes que vén, e que promete ser unha cita moi interesante de cara a coñecer novos detalles das consolas domésticas que están por chegar.

PUBLICIDADE