A Xbox One actualízase de cara ao lanzamento de Titanfall

mércores, 5 de marzo do 2014 Marcus Fernández

A Xbox One está comezando a recibir unha importante actualización de sistema principalmente para preparar a consola de Microsoft para o agardado xogo Titanfall, que é un dos principais reclamos para a adquisición desta máquina. Deste xeito, será posible gozar do grande modo multixogador de Titanfall, empregar o auricular con micrófono durante as partidas en liña e incluso retransmitir as partidas en vivo a través de Twitch (aplicación que recibirá a correspondente actualización a semana que vén). Cómpre lembrar que os usuarios que empreguen o sistema de acendido da consola mediante ordes de voz (que parecen ser a maioría) recibirán a actualización durante os momentos de menor actividade, sen interromper o xogo.
Entre as novidades incluídas nesta nova actualización temos que a listaxe de amigos está máis accesible, o chat de audio está acendido de xeito predeterminado, poderase chatear con amigos que estean xogando a títulos diferentes, poderanse convidar a amigos a entrar nun xogo multi-usuario, presentarase unha listaxe cos últimos usuarios cos que xogásemos en liña, a mencionada posibilidade de retransmitir as partidas a través de Twitch, actívase o son Dolb Digital 5.1 a través de HDMI (só estaba dispoñible por saída óptica) e tamén soporta agora saída de vídeo a 50 Hz (máis axeitada para os televisores europeos de verse televisión en vivo a través da consola).
Tamén amplían o soporte de accesorios para a consola, melloran o navegador web e permiten empregar o sistema de infravermellos do sensor Kinect para controlar o volume e o acendido do televisor directamente dende a consola, entre outras moitas pequenas funcionalidades novas.


Repaso en vídeo dalgunhas das novidades que está a recibir a Xbox One

PUBLICIDADE