A Xbox One baixa oficialmente de prezo

xoves, 22 de outubro do 2015 Marcus Fernández

A PlayStation 4 non é a única consola que baixa de prezo de cara ao Nadal, senón que esta semana tamén vemos como a Xbox One de Microsoft reduce de xeito permanente o seu prezo en España, de xeito que a consola de nova xeración pode adquirirse por 349,99 euros no seu modelo con disco duro de 500 GB e dende 399,99 euros para o modelo con 1 TB.
Temos así unha grande oportunidade para dar o salto á Xbox One, xa que o novo prezo incluso aplícase a algún dos lotes da consola cun xogo, como o da consola con disco de 500 GB que inclúe The Witcher III: Wild Hunt ou o da consola con disco de 1 TB con FIFA 16. Outros lotes de consola + xogo quedarían a un prezo de 369 euros, o que continúa a ser un prezo bastante atractivo para mudar de consola, especialmente porque estamos nun momento no que o salto xeracional será menos traumático, xa que en poucas semanas a Xbox One vai recibir unha actualización que engadirá a retrocompatibilidade con xogos de Xbox 360. Adicionalmente tamén actualizarase a Windows 10, integrando na Xbox One aplicacións propias do PC, incrementando o seu potencial de xeito significativo.

PUBLICIDADE