A Xbox One chega ás tendas españolas

xoves, 21 de novembro do 2013 Marcus Fernández

A oito anos da chegada da Xbox 360, consola que puxo inicio á primeira xeración de consolas domésticas de alta definición, entramos na nova xeración, xa que mañá é a data elixida por Microsoft para estrear nun reducido número de países, entre os que se atopa España, a Xbox One, que será a primeira consola da nova fornada en chegar ao noso territorio, anticipándose unha semana á PlayStation 4 de Sony.
Microsoft celebrará o lanzamento da Xbox One con distintas actividades repartidas polo globo, comezando por Nova Zelandia e Australia, pasando por Europa e rematando en Norte América; centrándose as actividades españolas nunha cúpula instalada na Praza de Colón en Madrid, onde o venres e o sábado pola tarde poderanse probar os mellores xogos da nova xeración e participar en torneos de Forza Motorsport 5 e FIFA 14 para gañar unha das novas consolas e outros premios.

Aperturas nocturnas

Algunhas tendas realizan esta noite aperturas para que os consumidores máis impacientes poidan facerse coas primeiras unidades da Xbox One. Entre os establecementos galegos que podemos confirmar a súa apertura ás 22:00 horas están as da cadea GameStop en Lugo (Avda. da Coruña), Ourense (Progreso), Vigo (Centro Comercial Praza Elíptica), Santiago de Compostela (San Pedro de Mezonzo) e Pontevedra (Alcalde Rey Daviña).

Hardware a exame

O grande ventilador da Xbox One dá a entender que a nova consola non padecerá o problemas das luces vermellas da súa predecesora

Comeza agora unha batalla de xigantes que incluso foron xa sometidos á análise de iFixit, páxina web na que desmontaron a PlayStation 4 e a Xbox One, outorgándolle a ambas consolas un 8 sobre 10 en reparabilidade, confirmando que as consolas gardan moitas semellanzas cun ordenador tradicional. Tamén amosan unha grata sorpresa para algúns dos primeiros compradores dunha Xbox 360, xa que non parece que vaian repetirse os problemas de requecemento da anterior xeración, xa que desta volta a máquina parece gozar dunha boa ventilación, que podería ser o factor que provocou que tivese un tamaño tan grande (polo que comentan que a consola de Microsoft podería ser máis resistente que a de Sony, aínda que tardaremos bastantes meses en poder comprobalo).


Vídeo promocional da Xbox One

PUBLICIDADE