A Xbox One comeza a recibir a súa actualización de verán

luns, 1 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Para mañá está previsto o lanzamento da actualización de aniversario de Windows 10, e a Xbox One acompañará esta importante renovación con cambios no seu software de sistema, abríndose máis a aplicacións de Windows 10, pero non todos os usuarios terán que agardar a mañá, senón que dende a pasada fin de semana xa hai consolas que teñen dispoñible esta actualización que está en pleno proceso de espallamento entre as consolas de Microsoft.
A actualización de verán da Xbox One leva en proba pública dende o mes de xuño, e ofrece numerosas melloras anunciadas hai bastante tempo e moi esperadas polos usuarios, como pode ser a posibilidade de empregar o asistente Cortana (polo momento, en inglés) na consola sen precisar de Kinect (podendo dárselle algunha orde sinxela á consola incluso cos típicos auriculares con micrófono conectados ao mando da consola), a consola recibe a posibilidade de reproducir música en segundo plano (incluso dende aplicacións musicais como Pandora) para que poidamos escoitar a nosa música favorita en calquera xogo, a nosa colección de xogos organízase dun xeito máis acorde ao resto do sistema, a configuración de rexión e idioma pode facerse por separado (de xeito que un usuario que fale español de España pode mudarse a outro país podendo conservar a lingua básica da consola e non limitándose ás linguas principais do país de destino), avánzase na converxencia entre as tendas de Xbox e Windows (comezan a estar dispoñibles para Xbox One varias aplicacións universais de Windows 10), facilítase a busca de amigos dende a consola (conectándose á nosa conta de Facebook) e tamén mellórase o xeito de compartir capturas de pantalla, gravacións de xogo e logros en Xbox One.
Estes cambios tamén teñen impacto no PC (a partires da actualización que chegará mañá), de xeito que agora tamén permítese que grandes xogos para PC como League of Legends e XCOM 2 poidan tirar proveito da comunidade de Xbox LIVE, a aplicación de Xbox permitirá a gravación de xogos até a 60 fotogramas por segundo e incrementouse a compatibilidade da aplicación de gravación de xogos (barra de xogos) para funcionar con máis títulos a pantalla completa.

Algunhas das novidades desta última actualización vistas en vídeo

PUBLICIDADE