A Xbox One inicia as probas da actualización que recibirá no verán

luns, 6 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Esta semana Microsoft comezará a distribuír entre os usuarios inscritos no programa de betas da súa consola de videoxogos unha versión preliminar da actualización do software que a Xbox One recibirá no verán, e que suporán toda unha revolución, xa que achegarán enormemente a consola de videoxogos aos equipos de escritorio con Windows 10.
Entre as grandes novidades que chegará a Xbox One está Cortana, o asistente de voz de Windows 10 que iniciará as súas probas en EE.UU., Reino Unido, Francia, Italia, Alemaña e España, permitindo así que podamos dar ordes orais á consola tanto valéndonos de Kinect como a través de auriculares con micrófono, axilizando así a realización de funcións frecuentes ou simplemente para pedir ao sistema que execute unha aplicación determinada. En Xbox One tamén teremos unha nova interface para a colección de xogos, a posibilidade de engadir aos nosos amigos de Facebook como amigos en Xbox LIVE e modos máis doados para compartir capturas, gravacións e logros de Xbox One (reducindo o número de pasos necesario).
Algunhas das novidades chegarán tanto á aplicación de Xbox como ao xogo en Windows 10, como a posibilidade de editar e compartir partidas gravadas despois de editalas no ordenador, un xeito máis áxil de administrar as partidas gravadas, a posibilidade de poder gravar vídeos de xogos a 60 imaxes por segundo (definido a calidade de vídeo na aplicación de Xbox como moi alta), compartir gravacións e capturas a través de Twitter, e un mellor soporte de gravación de xogos baixo Windows 10 a pantalla completa (incorpórase a compatibiliade con títulos como League of Legends, World of Warcraft, DOTA 2, Battlefield 4, Counterstrike: Global Offensive e Diablo III).
Outro grande cambio que vai comezar a darse será a converxencia entre as tendas de Xbox e Windows 10, de xeito que a experiencia de compra será máis coherente, aínda que a converxencia progresará máis nunha vindeira actualización.

Vídeo no que detallan moitas das novidades que chegarán a Xbox One coa actualización do verán

PUBLICIDADE