A Xbox One permite intercambiar mensaxes de voz coa actualización de maio

luns, 11 de maio do 2015 Marcus Fernández

Continuando coa súa política de actualizacións mensuais, a Xbox One recibe en maio novas prestacións atendendo ás demandas dos seus usuarios, comezando a actualización a espallarse hoxe mesmo. Entre as novidades destaca especialmente a posibilidade de enviar e recibir mensaxes de voz dende a aplicación de mensaxes da consola, sendo incluso posible intercambiar mensaxes entre usuarios de Xbox 360 e Xbox One.
As aplicacións de Xbox One SmartGlass para Windows, Windows Phone, iOS e Android tamén están a actualizarse, permitindo controlar o acendido e apagado da Xbox One sempre que o dispositivo móbil e a consola estean conectados á mesma rede doméstica, buscando simplemente facer máis cómodo o por en marcha ou apagar a consola.
A Xbox One tamén facilita agora a selección do modo de enerxía que queiramos empregar, de xeito que podemos configurar o modo instant-on para poder acender a consola cunha orde de voz e recibir actualizacións de fondo cando non esteamos a empregar a consola, ou podemos optar por aforrar enerxía e ter que premer o botón de acendido da consola para iniciala.
Microsoft tamén está a escalar os seus sistemas de chat para empregar servidores dedicados para tal función, co que esperan solucionar problemas coa NAT que presentaban algúns usuarios. Actualmente os usuarios da versión preliminar da actualización de Xbox One poden gozar desta función, pero o resto de usuarios deberán agardar a que os servidores escalen o suficiente como para atender a todos os usuarios (o que podería demorar semanas).


Vídeo de presentación da actualización de maio da Xbox One

PUBLICIDADE