A Xbox One proba o soporte de webcams USB
venres, 22 de setembro do 2017
Os usuarios de Xbox One podían integrar a súa imaxe nos
vídeos de emisión en directo se contaban cun sensor Kinect, pero a última
versión de proba do software de sistema da consola de Microsoft activa o
soporte de webcams de terceiros, de xeito que os xogadores que queiran
retransmitir as súas partidas a través de Mixer poden aproveitar a webcam USB
que teñan no seu PC (como as populares webcams de Logitech) para poder
integrar a súa imaxe co da partida que están a xogar na consola.
Esta novidade chega no chamado Preview Alpha Ring do programa Insider de Xbox,
comezando a estar dispoñible hoxe (algúns usuarios poden tardar semanas en
recibila) e pouco a pouco irase probando para a súa posterior aplicación a
calquera usuario de Xbox One, xa que Microsoft quere manter esta funcionalidade
en probas mentres non se proben un bo número de webcams e poidan pulir esta
prestación da Xbox One.
A integración da imaxe dunha webcam dende a Xbox One ten unha grande diferenza
fronte ao uso do sensor Kinect, que consiste na eliminación do son da cámara,
xa que as webcams carecen normalmente de tecnoloxía de cancelación de eco que
si ten Kinect, de xeito que os usuarios que queiran falar durante as
retransmisións terán que usar un auricular con micrófono para recoller os seus
comentarios en vivo.
Aparte de Mixer, outra
aplicación que tamén tirará proveito do uso de webcams será Skype, que facilita
así o xeito de realizar videoconferencias no salón a través da consola de
videoxogos.