A Xbox One recibirá unha importante actualización o 12 de novembro

martes, 27 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Durante o pasado E3 Microsoft anunciou que estaba a preparar grandes cambios para a súa Xbox One, como a introdución de Windows 10 e da retrocompatibilidade con xogos de Xbox 360 no que dan en chamar nova experiencia Xbox One, á que por fin poñen data de lanzamento para a súa versión oficial: o 12 de novembro.
As novidades que recibirá a Xbox One serán moi diversas, estreando unha nova organización dos contidos para axilizar o seu acceso (grazas á incorporación do desprazamento vertical); un maior rendemento da consola; ampliación das funcións sociais; o uso de Cortana como asistente persoal con recoñecemento de voz (que non precisará de Kinect para funcionar como temían algúns); con avatares modernizados; acceso directo á notificacións, amigos e mensaxes para poder atender ao máis importante sen ter que saír ou pausar un xogo; cunha Tenda de xogos, aplicacións, música e contidos audiovisuais mellor organizada; unha versión renovada de OneGuide que leva a un único sitio a información sobre televisión, películas e aplicacións de vídeo; e, como xa temos mencionado, a posibilidade de gozar inicialmente de máis de 100 xogos de Xbox 360 (catálogo que ampliarase paulatinamente) na Xbox One, podendo gozar de prestacións avanzadas como a gravación de partidas, as capturas de pantalla, o xogo en streaming dende un ordenador con Windows 10 e a posibilidade de participar no modo multi-xogador con independencia de que o resto de usuarios usen Xbox 360 ou Xbox One. Unha serie de melloras que fan da Xbox One un produto moito máis atractivo, que consegue colocarse como a consola de nova xeración máis completa, quedando agora por ver cal será a resposta de Sony para engadirlle valor á súa PlayStation 4 pola vía do software de sistema.

PUBLICIDADE