A Xbox One remonta as súas vendas nos EE.UU.

venres, 14 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Que no mes de xaneiro a PS4 conseguise vender preto do dobre que a Xbox One nos EE.UU. podería parecer unha nova alarmante para Microsoft, pero a compañía norteamericana mantiña a súa confianza no lanzamento do xogo Titanfall como motor de vendas da súa consola, e parece que os cálculos non saíron demasiado mal pois, pese a que a súa consola é considerablemente máis cara que a de Sony, no mes de febreiro NPD Group está a rexistrar un estreitamento da distancia nas vendas de ambas máquinas, de xeito que a Xbox One tería vendido 258.000 unidades e a PS4 preto de 287.000.
Dado que o lanzamento de Titanfall aínda foi esta mesma semana, pódese prever que as vendas da Xbox One en marzo poidan superar ao da PS4 nos EE.UU., resultando máis difícil de prever a situación en Europa, onde tradicionalmente Sony ten moita máis forza.
Os datos de NPD Group tamén parecen pór en dúbida os auspicios para o sector que apuntaban á desaparición das consolas de videoxogos tradicionais pola emerxencia dos smartphones e os tablets, pois as vendas de hardware terían experimentado un incremento interanual do 42% e mensual do 44%, aínda que onde si houbo erosión foi nas vendas de xogos, que caeron un 11% interanual (o que contrasta cun incremento mensual do 41%). Este comportamento errático podería xustificarse por estarmos ante un momento de cambio de xeración de consolas.
Por outra banda, o escenario actual está a pintar mal para Nintendo, que tras arrasar coa Wii ve como a súa sucesora non calla, tendo que conformase a Wii U con vender só 82.500 consolas no mes de febreiro, que curiosamente é un dos mellores resultados desta máquina grazas ao pulo que supuxo o lanzamento do xogo Donkey Kong Country: Tropical Freeze (que superou as 130.000 copias vendidas).

PUBLICIDADE