A Xbox One renova o seu software de sistema

xoves, 12 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Hoxe é un día moi importante para os usuarios de Xbox One, xa que a consola de Microsoft inicia a New Xbox One Experience, ou sexa, unha renovación do seu software de sistema, que non se limita a ser unha mera actualización, senón que é toda unha revolución xa que o bebé vén con Windows 10 e a retrocompatibilidade con Xbox 360 debaixo do brazo, novidades que supoñen unha importante mellora no desempeño da consola, o incremento do catálogo de xogos compatibles e a apertura de novas posibilidades co software que irán desenvolvéndose nas vindeiras semanas.
Despois de instalar a actualización de hoxe estreouse a posibilidade de gozar de xogos de Xbox 360 na Xbox One, tanto dos que teñamos en disco como dos que compraramos en formato dixital, podendo incluso gozar das funcionalidades en liña destes xogos (é posible xogar en rede entre ambas plataformas) pero contando coas funcións avanzadas de Xbox One (como tomar capturas de pantalla ou gravar vídeo coas nosas partidas).
A interface da Xbox One tamén mudou considerablemente axilizando o acceso a funcións sociais e a contidos multimedia, á vez que a Tenda tamén mudou para facilitar a localización de contidos que sexan do noso interese. Agora tamén poderemos ver os avatares de Xbox 360 en Xbox One, contaremos con novos centros de xogo, poderemos reasignar as funcións do mando sen fíos da Xbox One (para personalizar a nosa experiencia de xogo cambiando a posición dos botóns, intercambiando os gatillos ou invertendo os sticks analóxicos) e tamén se estrean novos xeitos de navegar e interactuar coa Xbox One (as funcións de Narrador, Lupa e alto contraste propia dos equipos de escritorio están agora dispoñibles na consola).
Aínda que a actualización da Xbox One leva Windows 10 debaixo do capó, aínda non é algo do que os usuarios poidamos tirar un proveito completo, de xeito que estamos só ante un primeiro paso dentro desta nova experiencia que nas vindeiras semanas mellorará substancialmente, de xeito que chegaremos a poder instalar aplicacións universais de Windows 10 na consola.

Vídeo no que Larry Hryb e Mike Ybarra amosan a nova interface da Xbox One

PUBLICIDADE