A Xbox One terá versión con 1 TB de almacenamento interno

martes, 9 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Sen agardar á súa conferencia na feira E3, Microsoft anunciou hoxe o novo modelo da consola Xbox One que amplía a capacidade da súa unidade de disco de 500 GB a 1 TB, incorporando un novo mando con conector de auriculares e aproveitando para reducir o prezo da consolas con 500 GB de disco nos EE.UU.
A nova versión da Xbox One chegará cun acabado mate e ofrécese con máis espazo para facilitar a instalación de varios dos seus grandes títulos simultaneamente, aproveitando a súa presentación para lembrar que a consola de Microsoft vai recibir en exclusiva na campaña de Nadal os xogos Halo 5: Guardians, Rise of the Tomb Raider e Forza Motorsport 6. Tamén destacan que a capacidade interna da consola pode ampliarse engadindo unha unidade USB 3.0 externa.
A Xbox One de 1 TB chegará aos EE.UU. o 16 de xuño a 399 dólares, mentres que en España espérase que estea dispoñible por 449,99 euros a partires do 23 de xuño.

O novo mando para Xbox One integra conector para auriculares estándar

Sobre o novo mando sen fíos, trátase dunha revisión que incorpora unha toma de 3,5 milímetros para auriculares estándar, evitando a compra dun adaptador para poder empregar os nosos auriculares favoritos na consola. Nalgúns territorios tamén porán á venda unha edición do devandito mando personalizada co xogo Halo: The Master Chief Collection.
Outro dispositivo que tamén anunciou Microsoft é o Xbox Wireless Adapter for Windows, que é un dispositivo USB que permite conectar dispositivos sen fíos para Xbox One nun ordenador con Windows (lanzando principalmente con Windows 10 no punto de mira) e que venderase de xeito independente por 24,99 dólares e cun mando de Xbox One por 79,95 dólares.


Vídeo coa presentación da nova Xbox One

PUBLICIDADE