A Xbox Series X sairá á venda en novembro sen Halo Infinite

martes, 11 de agosto do 2020 Marcus Fernández

A pandemia está a provocar numerosos adiamentos no lanzamento de xogos moi importantes, pero o que resultaba difícil imaxinar é que un dos grandes afectados sería Halo Infinite, título que pretendían que fose o estandarte da nova xeración de consolas de Microsoft, e que hoxe confirman que non poderá ver a luz até 2021.
Dende 343 Industries consideran que non sería atinado lanzar o agardado xogo na campaña de Nadal, para poder entregar un produto digno da franquía e, aínda que entenden que o retraso no lanzamento decepcionará a moitos, prefiren destinar máis tempo a completar a que será a entrega máis ambiciosa de Halo.
Pero o adiamento deste xogo no afectará á nova xeración, e dende Microsoft quixeron confirmar que a Xbox Series X lanzarase globalmente en novembro con máis dun cento de xogos optimizados para esta plataforma e milleiros de xogos compatibles, estrea que aínda que brille menos sen un novo Halo¸ servirá para continuar avanzando na nova xeración de consolas, para a que a compañía de Redmond non quere forzar a marcha e, de feito, aseguran que máis de 50 novos xogos que chegarán este ano serán compatibles coa xeración actual e coa seguinte (e con Smart Delivery será posible que os xogadores merquen só unha das versións para gozar de ambas).
Dende Microsoft tamén lembrar que haberá algúns xogos exclusivos para Xbox Series X, dos que varios estarán incluídos no Xbox Game Pass, de xeito que quen decida dar o salto á nova xeración terá contido máis que dabondo para gozar da nova consola e, moi especialmente, das súas prestacións (xa que moitas das novas funcións serán compatibles cos xogos das consolas das 3 xeracións anteriores).

PUBLICIDADE