A Xbox renova os seus auriculares sen fíos

martes, 22 de outubro do 2024 Marcus Fernández

En 2021 Microsoft presentou uns auriculares sen fíos para Xbox que se converteron en todo un fenómeno pola súa boa relación entre calidade, prezo e prestacións, destacando polo doado que poñen o axuste do volume entre o son dos xogos e o chat.
Para volver repetir este éxito anuncian agora unha versión renovada dos cascos sen fíos de Xbox, que manteñen as prestacións do modelo anterior, pero incorporan melloras como Dolby Atmos sen custo adicional, batería de maior duración (até 20 horas de autonomía), micrófono mellorado (con silencio automático e illamento de voz para unha comunicación nítida) e un deseño actualizado, elegante e completamente negro, facilitando así que encaixe mellor con calquera setup de xogo.
Os novos auriculares de Xbox están á venda por 109,99 euros, poden conectarse directamente a consola Xbox One e Xbox Series X|S, mentres que para o seu uso baixo Windows 10 precisan de Bluetooth 4.2 ou superior (soportan Bluetooth 5.3), o adaptador sen fíos Xbox ou un cable USB-C compatible.
Tamén cómpre salientar que o uso da tecnoloxía Qualcomm S5 Gen 2 permítelle gozar de conectividade sen fíos de ultra baixa latencia, que é un dos detalles máis apreciados polos xogadores, así como a propia comodidade dos auriculares (que teñen un axuste bastante confortable).

A comodidade e a versatilidade destes auriculares sen fíos permitiranlle repetir o éxito do modelo anterior