A Xornada da Industria da Maker Faire Galicia reivindica a nosa capacidade para xerar grandes proxectos tecnolóxicos

venres, 31 de outubro do 2025 S. P.

Este venres 31 de outubro inaugurouse en Santiago, na Casa das Máquinas, a Xornada da Industria da Maker Faire Galicia: unha cita sobre as vertentes de maior interese empresarial do mundo das tecnoloxías argalleiras, colaborativas, abertas e participativas. Na cita participaron a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, e a a directora do IGAPE, Covadonga Toca.
A primeira reivindicou que “Santiago e o conxunto de Galicia poden ser o berce de grandes proxectos tecnolóxicos e industriais innovadores”. Ademais, lembrou o “enorme potencial investigador e o talento que emana sobre todo da Universidade, e que temos que seguir poñendo en valor en iniciativas como a Maker Faire”.
María Rozas salientou que a Xornada da Industria da Maker Faire “é unha chamada a exercer a autoestima colectiva, porque pon o foco en proxectos innovadores que atenden a sectores que deben ser fundamentais para a nosa economía”.
Pola súa banda, Covadonga Toca salientou o papel da innovación, da creatividade e da tecnoloxía como “as mellores ferramentas para avanzar cara a unha industria máis competitiva, sostible e comprometida coas persoas”. A directora destacou que Galicia está a dar pasos firmes no ámbito da innovación, situándose nunha posición ascendente no Regional Innovation Scoreboard 2025 da Comisión Europea, cunha mellora do 16,7 % no seu rendemento desde 2020, por riba da media española e europea. Subliñou que “este avance é froito dun esforzo colectivo entre administracións, universidades e empresas, que están a colocar a innovación no centro do desenvolvemento económico de Galicia”. Tamén puxo en valor o forte impulso do emprendemento innovador, “cun ecosistema cada vez máis sólido e dinámico”, e lembrou que Galicia conta xa con 388 empresas tecnolóxicas e innovadoras, un 26 % máis que o ano anterior, das cales 229 son startups.
Aposta por un futuro industrial sostible
A Maker Faire Galicia celebrou este venres 31 a Xornada da Industria na Casa das Máquinas, coa colaboración do Concello de Santiago e o IGAPE. No encontro participaron empresas, startups, investigadores e profesionais que están a transformar o tecido produtivo galego a través da innovación, a ciencia e a sustentabilidade. Así, houbo relatorios, presentacións de proxectos, espazos de networking e unha sesión dedicada ao talento galego, co obxectivo de poñer en valor a capacidade innovadora do ecosistema local.