A Xunta abre en Vigo un centro de formación tecnolóxica do profesorado
mércores, 27 de setembro do 2023
A
Xunta
de Galicia abriu esta mañá en Vigo un novo Centro de
Formación e Recursos (CFR) para a actualización e formación
permanente do profesorado, dotado coas ferramentas tecnolóxicas
precisas para formar aos docentes “fronte aos desafíos educativos
presentes e futuros”. Así o sinalou o conselleiro de Cultura,
Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na inauguración
das novas instalacións situadas no edificio anexo do Colexio CEIP
Virxe do Rocío, nun acto onde estivo acompañado pola delegada da
Xunta en Vigo, Ana Ortiz.
Na
súa intervención, Román Rodríguez dixo que o novo CFR de Vigo
“vai ser unha peza clave no desenvolvemento do Plan Anual de
Formación do Profesorado para o presente curso 2023-24, que conta
cun investimento récord de 9M€ para o desenvolvemento de 5.800
accións formativas enfocadas á dixitalización, á innovación e á
convivencia como liñas prioritarias”.
Tamén
dixo que coa súa posta en marcha, o Goberno galego dá resposta ás
demandas do profesorado de contar cun espazo axeitado, xa que ata o
momento, e de xeito provisional, o centro realizaba as súas
actividades no Colexio CEIP Plurilingüe O Sello.
A
Consellería de Educación investiu un total de 400.000 euros na
adaptación destas novas instalacións no edificio anexo do Colexio
Virxe do Rocío. Trátase dun espazo de 3.000m² distribuídos en
tres plantas, adaptadas ás directrices tanto de innovación como de
sostibilidade marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.
De
feito, o novo CFR conta cunha réplica dunha aula E-Dixgal e un Polo
Creativo, dotadas con todo o equipamento. Tamén dispón dun salón
de actos con capacidade para 100 persoas e seis aulas de formación
que suman unha capacidade máxima de 400 persoas. O edificio
complétase con espazos de administración e despachos.