A Xunta achega 1,5 millóns de euros en axudas para reforzar a ciberseguridade das empresas galegas

xoves, 14 de agosto do 2025 S. P.

A Xunta activou unha nova iniciativa para incrementar a protección tecnolóxica das nosas empresas: o programa Empresa Cibersegura 2025, unha nova liña de axudas impulsada pola Consellería de Economía e Industria a través do IGAPE, dirixida a mellorar a preparación dixital das empresas galegas fronte aos riscos crecentes no entorno dixital.
Cun orzamento total de 1,5 millóns de euros, o programa facilitará a adopción de solucións técnicas avanzadas en materia de seguridade da información, reducindo as vulnerabilidades e fortalecendo a confianza no ecosistema dixital galego.
Segundo informou a Xunta, a convocatoria “está deseñada para atender as necesidades tanto de pequenas como de medianas e grandes empresas, promovendo unha verdadeira cultura da ciberseguridade no tecido produtivo”. Deste xeito, a través de entidades provedoras homologadas, as compañías beneficiarias poderán acceder a un amplo catálogo de servizos especializados: desde auditorías de riscos e probas de vulnerabilidades ata a implantación de sistemas de seguridade, políticas internas ou acompañamento estratéxico mediante o modelo CISO as a Service.
A intensidade da axuda será do 75 % dos custos subvencionables, cun máximo de 30.000 euros por proxecto, e tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, o que permite a súa concesión por orde de entrada das solicitudes que cumpran cos requisitos.
A Xunta destacou que “a mecánica do programa está pensada para minimizar a carga económica das empresas, xa que o pagamento se realizará directamente ao provedor homologado, sen que a empresa teña que adiantar fondos”. Tamén se contempla a posibilidade dun pagamento a conta de ata o 50 % da subvención, logo da xustificación parcial da actuación.
As actuacións obxecto de subvención abranguen desde un diagnóstico inicial da madurez dixital e os riscos de ciberseguridade, ata a execución de itinerarios técnicos especializados en contornos cloud (IaaS), tecnoloxías da información (ITaaS) ou tecnoloxías operativas industriais (OTaaS). Inclúense tamén servizos de hacking ético, campañas de sensibilización, asistencia na implantación de estándares de calidade e seguridade, e mesmo a contratación de servizos estratéxicos neste eido.
O prazo para que as entidades especializadas soliciten a súa homologación como provedores ficará aberto ata o 25 de setembro de 2025. Unha vez resolta a lista de provedores homologados, abrirase a fase de solicitude para as empresas, que disporán de prazo ata o 15 de novembro de 2025.
A convocatoria pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.