A Xunta achega 3,4 millóns de euros para modernizar as conexións á Rede dos polígonos industriais

venres, 11 de maio do 2018 Redacción

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o polígono industrial de Culleredo, convidado pola Asociación de Empresarios desde Concello. Se trata dunha das 22 áreas empresariais da provincia que se incorporaron o ano pasado á actuación de despregamento en polígonos do Plan de banda larga ultrarrápida da Xunta, e que contempla, para 2018, a súa implantación en outros catro parque empresariais da provincia: O Acevedo, en Cerceda; Curtis-Teixeiro; Cruz das Cabezas, en As Pontes de García Rodríguez; e As Somozas.
Grazas a este proxecto, impulsado pola AMTEGA, o 98% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100 Mbps antes do remate do presente ano. As empresas dos polígonos beneficiadas desta actuación do plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
O plan xa completou o despregamento en 51 polígonos e este ano chegará aos 30 restantes. Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso. A AMTEGA aporta unha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo FEADER no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

PUBLICIDADE