A Xunta achega ao alumnado unha guía de uso seguro da Internet
mércores, 16 de outubro do 2024
A Xunta de Galicia vén de poñer a disposición do alumnado a Guía de uso seguro de Internet e as redes sociais, un documento que aborda “desde unha linguaxe sinxela e directa” cuestións como a pegada dixital, os seus efectos e os riscos que implica. A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, participaron no instituto IES A Pontepedriña de Santiago na presentación desta guía que se enmarca dentro do programa Pegada Dixital, unha das accións da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 para unha convivencia dixital responsábel.
Fernández salientou a necesidade de “ofrecer aos alumnos información e ferramentas para a adquisición de competencias e destrezas para o uso responsábel, útil, seguro e ético destas novas formas de comunicación e interacción”. Con esta guía trátase, dixo, búscase “axudar aos rapaces a que fagan un uso proveitoso das tecnoloxías e que xestionen con seguridade os seus perfís nas redes sociais”.
Pola súa banda, Cerviño sinalou que unha das prioridades da Xunta “é poñer á disposición da comunidade educativa todas as ferramentas tecnolóxicas dispoñíbeis” e con ese propósito puxéronse en marcha iniciativas como Alabar ou E-Dixgal. Engadiu que este proceso de dixitalización “vai acompañado de formación e concienciación no uso adecuado da tecnoloxía como esta guía que forma parte do programa de 250 obradoiros sobre Pegada dixital e uso seguro das redes sociais, que desenvolvemos en centros educativos desde hai dous cursos”.
A guía conta con apartados específicos sobre pegada dixital, redes sociais e dispositivos móbiles. No primeiro dos apartados aborda como se constrúe a pegada dixital, os riscos dunha pegada negativa e pautas para construír unha pegada positiva.
No apartado das redes sociais faise fincapé no poder dos datos persoais e danse pautas para protexerse nas redes así como para a configuración de privacidade e de seguridade, ao igual que para o caso dos dispositivos móbiles.