A Xunta achega un paquete de axudas de 6 millóns para a dixitalización do sector comercial e artesán

martes, 24 de maio do 2022 S. P.

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, presentou este martes 24 de maio a nova achega da axudas da Xunta para favorecer a transformación e a modernización do sector comercial e artesán galego, unhas axudas que poñen o xogo na dixitalización e nas vantaxes que este proceso pon en xogo (maior competitividade, maior mercado no que actuar, maior prestixio de marca, mellor posicionamento e unha máis eficaz comunicacións con clientes reais e potenciais). Heredia lembrou que o programa de apoios actual vén con 6 millóns de euros e que a convocatoria para solicitar as axudas está aberta até o 23 de xuño. Fíxoo estas declaracións nun webinario organizado en colaboración coa Federación Galega de Comercio para informar da convocatoria.
Segundo dixo, esta iniciativa supón un medre no orzamento do 20% con respecto ao ano pasado. Ao abeiro da convocatoria apoiaranse actuacións como a implantación e o mantemento de páxinas web, de mercadotecnia dixital, de loxística ou de xestión de redes sociais, ademais da adquisición de equipamentos.
As axudas están xa a disposición de pemes comerciais de menos de 20 traballadores e obradoiros artesáns.
Tal e como explicou Heredia, a través desta iniciativa “búscase apoiar ao sector comercial e artesán para que aproveite todas as oportunidades tecnolóxicas e do contexto actual e conecte co cliente, ofrecendo unha experiencia de compra única e personalizada, adaptada ao novo consumidor”.
O obxectivo é que a mobilización público-privada acade os nove millóns de euros, engadiu.
Dúas liñas
O programa, cunha intensidade de axuda do 80% do investimento subvencionábel, inclúe dúas liñas de actuación. A primeira delas céntrase na dixitalización, e inclúe diferentes tipos de apoio en función do posicionamento previo dos beneficiarios neste eido, do número de empregados e se teñen ou non tenda física. Entre as actuacións a cubrir inclúense a implantación de páxinas web e a adquisición de equipamentos informáticos; ferramentas de mercadotecnia dixital; loxística para o comercio electrónico; sistemas dixitais de stock integrado no punto de venda e de control de acceso; así como xestores de redes sociais e o mantemento da páxina web, entre outros aspectos. O importe máximo das axudas que se poden obter neste apartado é de 17.600 euros. Por outra banda, a través da liña de modernización, pódense obter apoios de ata 5.600 euros para a adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal.

PUBLICIDADE