A Xunta acreditou as competencias dixitais de preto de 30 mil docentes

martes, 20 de agosto do 2024 Redacción

Até o vindeiro 30 de setembro, a Xunta de Galicia mantén aberto o prazo para que o profesorado galego que o desexe poida acreditar a súa Competencia Dixital Docente, de acordo co procedemento para tal fin publicado no Diario Oficial de Galicia. Deste xeito poderán contar cun recoñecemento oficial con validez a nivel estatal das habilidades adquiridas neste eido, como os preto de 30.000 profesores do sistema educativo galego que xa recibiron a súa acreditación da competencia dixital docente.
O obxectivo deste procedemento é que os profesores obteñan unha acreditación das habilidades adquiridas, similar ao sistema de acreditación dos coñecementos en linguas estranxeiras, e que están baseados no Marco de Competencia Dixital Docente con seis niveis diferentes (do A1 ao C2) e con validez a nivel estatal. Os docentes acreditados recibirán o documento oficial que certifica o nivel de competencia dixital acadado, válido para todo o territorio nacional.
Nesta convocatoria regúlase a obtención do recoñecemento mediante tres vías que son a acreditación de oficio a través da observación do desempeño do seu traballo, a acreditación polo procedemento de recoñecemento de títulos oficiais que habiliten para a profesión docente e a acreditación por un proceso de análise e validación das evidencias.