A Xunta adapta a súa plataforma xudicial electrónica ao modelo de Administración e Goberno intelixentes

luns, 15 de decembro do 2025 Redacción

O Consello da Xunta aprobou hoxe a contratación do servizo de evolución da Plataforma de Administración electrónica xudicial, cun investimento de máis de 2,6 millóns de euros ata 2028, co obxectivo de adaptala ao modelo de Administración e Goberno intelixentes.
A iniciativa responde ao novo contexto tecnolóxico, marcado polo uso crecente da intelixencia artificial e pola orientación ao dato, así como ás modificacións normativas derivadas do plan estatal de xustiza e á implantación do novo sistema de xestión procesal Atenea. Este sistema, desenvolvido polo Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, está previsto que entre en funcionamento a partir de xullo de 2026, polo que resulta imprescindible garantir a compatibilidade da plataforma galega para o correcto desenvolvemento da xustiza dixital nunha contorna común.
O servizo permitirá unha revisión integral da configuración e do funcionamento actual da plataforma, apostando pola súa simplificación e pola adaptación tecnolóxica ao novo modelo procesual. Entre as melloras previstas figura tamén a actualización do visor do expediente xudicial electrónico, que incorporará ferramentas de busca e consulta máis avanzadas e intuitivas, apoiadas en tecnoloxías de explotación semántica da información.
Así mesmo, prevese a evolución das canles de relación coa cidadanía e cos profesionais, tanto no portal xustiza.gal como na sede xudicial electrónica. As persoas usuarias disporán dunha Carpeta xustiza desde a que poderán recibir e consultar toda a información que lles afecte, ao tempo que se integrarán servizos de atención cidadá avanzada, como asistentes ou guías virtuais.
A plataforma renovada garantirá tamén a interoperabilidade cos servizos e sistemas estatais e cos propios do Servizo Público de Xustiza en Galicia, ademais de facilitar o intercambio de información a través da plataforma de intermediación de datos da Xunta de Galicia, pasaXe!.
Esta actuación dá continuidade ao III Plan tecnolóxico da Administración de xustiza en Galicia, Senda 2025, orientado á consolidación dixital do sistema xudicial e á mellora da súa proximidade á cidadanía mediante servizos máis personalizados. Este plan contou cun investimento global de 43 millóns de euros ao longo de cinco anos.