A Xunta adapta a súa política de seguridade ao RXPD

mércores, 16 de maio do 2018 Redacción

A Xunta adapta a súa Política de Seguridade ao novo Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD) que entrará en vigor o 25 de maio, que entre as principais novidades implica a incorporación da figura do delegado de protección de datos, un valedor do cidadán nesta materia. Ademais, a Administración autonómica vén de poñer en marcha o Centro de Resposta Rápida ante incidentes de Seguridade para minimizar o impacto dos ciberataques.
A AMTEGA vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as modificacións da Política de Seguridade da Xunta, na que se recolle a figura do delegado de protección de datos, que actuará como garante do cumprimento da normativa da protección de datos, informando, asesorando e supervisando o cumprimento do RXPD.
A Xunta de Galicia contará cun delegado de protección de datos por consellería e un na AMTEGA, que exercerá labores de coordinación. O contacto cos delegados de protección de datos articularase a través do portal da Xunta, desde un espazo que quedará habilitado o vindeiro día 25 de maio.
Este foi o modelo de implantación que aprobou a Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico da Xunta, que tamén estableceu que se poderá nomear un delegado en entidades instrumentais, sempre que estea xustificado e a proposta da Consellería da que depende ou ben poderá exercerse este rol a través dunha Comisión.

PUBLICIDADE