A Xunta amosa á Fundación COTEC as capacidades do CESGA

xoves, 3 de abril do 2025 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, amosou esta mañá ao director xeral da Fundación COTEC, Jorge Barrero, e ao director de Economía e Finanzas da mesma, Aleix Pons, as infraestruturas do CESGA, un centro clave na provisión de capacidade de supercomputación e servizos ás empresas e centros de coñecemento galegos.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP informou á dirección de COTEC da aposta que está a realizar Galicia pola supercomputación e as tecnoloxías profundas, como a cuántica e a IA, para contribuír ao avance da I+D+i en Galicia e á transformación profunda do noso tecido produtivo. De feito, estase a realizar un investimento de 56 millóns de euros nas infraestruturas do CESGA, con financiamento de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia no marco do PERTE Chip, para dotarse dun novo supercomputador, o Finisterrae IV; ampliar a capacidade de almacenamento; aumentar as capacidades en computación cuántica, e construír un novo edificio.
A directora da Axencia destacou que estas tecnoloxías están identificadas no novo Plan galego de investigación e innovación 25-27, que acaba de presentarse, como iniciativas de alto impacto polo seu efecto no avance do coñecemento e na transformación da economía galega, en liña coas prioridades estratéxicas da Unión Europea. Carmen Cotelo reafirmou así o seu carácter prioritario para situar a Galicia como unha comunidade referente en innovación a nivel nacional e internacional.
Por último, o director do CESGA, Lois Orosa, presentou aos representantes de COTEC algúns dos proxectos nos que están a colaborar con empresas e hubs na implantación de tecnoloxías como a IA ou a cuántica. Entre estes proxectos, explicoulles os que están a desenvolver con Finsa para a optimización de procesos produtivos usando métodos de intelixencia artificial; o uso das tecnoloxías cuánticas para o desenvolvemento de novos produtos en colaboración con Hijos de Rivera ou o desenvolvemento dun demostrador de datos para o sector biotecnolóxico en colaboración co hub de innovación dixital DATAlife.