A Xunta amplía a cobertura da Rede Dixital de Emerxencias de Galicia

martes, 14 de febreiro do 2017 Redacción

Un dos obxectivos é facer máis eficaz a loita contra os incencios forestais en zonas rurais

A Xunta de Galicia vén de ampliar a cobertura territorial e demográfica da Rede Dixital de Emerxencias de Galicia (RESGAL), xestionada pola axencia AMTEGA a través do operador público RETEGAL. O obxectivo destes traballos foi, en palabras destas entidades, “facer especial fincapé nas zonas con maior risco de incendio”. A ampliación incluíu a instalación de 25 novas estacións radio base, 4 repetidores e unha nova estación transportábel. Con isto, explican, minimizáronse nun 34% as zonas de sombra no conxunto da Comunidade e en máis dun 44% nas 565 parroquias identificadas como de alto risco de incendio.
Segundo informan AMTEGA e RETEGAL, o reforzo das infraestruturas de RESGAL amplía o seu radio de acción en máis de 145.000 hectáreas, “o que lle permite alcanzar o 90% do territorio e o 96,5% da poboación”. En termos máis concretos, incrementouse a cobertura da Rede en localidades de máis de 1.000 habitantes e nos hospitais de Barbanza (Ribeira) e Burela.
Ademais, co obxectivo de incrementar as medidas para a prevención de incendios, RETEGAL e o Servizo de Prevención e Detección de Incendios Forestais desenvolverán ao longo do primeiro semestre do ano “unha serie de iniciativas tecnolóxicas innovadoras” no ámbito da videovixilancia e na aplicación de sistemas de seguimento e detección temperá de incendios zonas de alto risco. Para iso instalaranse en infraestruturas de RETEGAL sensores, sistemas de detección de fume, calor.. e cámaras de visión con rotación en 360º que permitirán, en palabras do operador público autonómico, “localizar de xeito preciso o foco do incendio e xerar alertas de xeito automático”.
RESGAL, como lembraremos, é froito dun convenio de colaboración entre a Consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Consellería do Medio Rural, a axencia AMTEGA e a entidade pública estatal Red.es. Entrou en funcionamento en 2015 como unha rede única para todos os colectivos que participan na resolución das emerxencias. A finalidade de RESGAL é “facilitar e simplificar a coordinación entre todos eles, empregando a tecnoloxía máis avanzada neste tipo de redes”.
A día de hoxe están a empregar RESGAL efectivos da AXEGA, da Policía Autonómica, do 061, do 112, do Servizo de Protección e Defensa contra Incendios Forestais, dos Consorcios de Bombeiros, e efectivos de emerxencias de 116 concellos, que xa se adheriron á Rede.
Estes efectivos empregan dispositivos móbiles adaptados a condicións extremas. A Administración autonómica adquiriu xa máis de 5.348 terminais.
Sinalar tamén que RESGAL emprega tecnoloxía TETRA, que sería en palabras de RETEGAL “a tecnoloxía máis punteira para este tipo de comunicacións, que garante a súa dispoñibilidade cando o resto de redes de telefonía móbil colapsan”. Este sistema, engade, “caracterízase pola súa fiabilidade incluso en situacións extremas ou de saturación; e, a diferenza dos sistemas convencionais, posibilita a realización de chamadas en grupo, tanto dentro dunha mesma organización, como entre dispositivos de distintas organizacións que nun intre dado poidan estar traballando de maneira conxunta nunha mesma emerxencia”. A tecnoloxía multiplica por cinco a velocidade de datos con respecto ás redes de emerxencia habituais e posibilita a incorporación de diversos servizos como a xeolocalización en tempo real da posición de todos os dispositivos de emerxencia vía GPS.

PUBLICIDADE