A Xunta amplía a identificación electrónica co sistema Cl@ve, aberto á cidadanía da UE
venres, 8 de setembro do 2023
Os usuarios
da plataforma de Administración Electrónica da Xunta de Galicia
xa poden empregar o sistema Cl@ve do
Goberno de España para identificarse, ademais do sistema Chave
365 da Xunta, o DNI electrónico ou o certificado dixital. “Esta
posibilidade”, explica a Consellería de Facenda, “abre as
tramitacións da eAdministración galega á cidadanía da UE non
residente en España que non dispoñen de NIF, que poden utilizar
Cl@ve, a través do sistema europeo de recoñecemento de identidades
electrónicas Nodo eIDAS”.
Facenda explica tamén que e os procedementos do
sistema Cl@ve son moi similares aos da Chave 365 e que ambos teñen
como obxectivo “proporcionar un uso sinxelo para o acceso aos
trámites electrónicos de persoas que non dispoñen de certificado
electrónico dende calquera tipo de dispositivo”.
Chave 365 permite, en todos os casos, tanto a
identificación electrónica como a sinatura dixital. Sen embargo,
Cl@ve ten dúas modalidades: a Cl@ve pin, pensado para un acceso á
administración dixital máis ocasional, e a Cl@ve permanente, que
esta pensada para unha relación máis constante coa administración
dixital.
Ademais de acceder ás notificacións, as persoas
que utilicen o sistema de acceso con Cl@ve pin ou permanente poderán
realizar todos os procedementos da Administración Electrónica da
Xunta, salvo a alta, baixa ou modificación de Chave 365.
As persoas que accedan coa Cl@ve eIDAS poderán
realizar os trámites de desprazamento de persoas traballadoras no
marco dunha prestación de servizo transnacional e os de axudas de
emerxencia social.
O sistema Chave 365 da Xunta conta na actualidade
con 1,5 millóns de persoas usuarias, unha cifra que non parou de
crecer dende a creación do sistema en 2014. Entre 2019 e o pasado
mes de maio, o número de persoas usuarias creceu un 767%.