A Xunta analiza o desenvolvemento e a cooperación dixital coas entidades locais

luns, 13 de outubro do 2025 Redacción

A Xunta impulsa a dixitalización dos concellos galegos mediante un catálogo de servizos tecnolóxicos dispoñibles sen custo para as entidades locais. O investimento anual destinado a este modelo de gobernanza compartida supera os 4,6 millóns de euros, dos cales un 34,76 % se dedica á ciberseguridade, un 40,17 % ao desenvolvemento de sistemas e servizos dixitais e un 25,08 % á rede de aulas CeMIT, que favorece a capacitación dixital da cidadanía.
O Consello da Xunta analizou hoxe un informe sobre o avance destes servizos e as liñas de cooperación coas entidades locais. Actualmente, todos os concellos e deputacións de Galicia empregan en maior ou menor medida algunha das ferramentas incluídas no catálogo autonómico, que non supón custo adicional para eles. Ata agora, o acceso realizábase mediante adhesión a diferentes convenios, pero proximamente se asinará un novo acordo coa FEGAMP que reunirá nun único documento os servizos que antes se recollían por separado.
Os 313 concellos galegos teñen acceso á Rede corporativa da Xunta, á Historia social única electrónica e ao sistema SIGAD para a xestión de axudas á dependencia. A maioría tamén emprega o Sistema de información de usuarios de servizos sociais e o Rexistro de licenzas e autorizacións interurbanas de taxi. A Plataforma de contratos públicos de Galicia é utilizada por 259 entidades locais, mentres máis de 200 empregan servizos de identidade dixital e outras 200 participan na plataforma pasaXe!. Ademais, 124 administracións usan o sistema de licitación electrónica SiLEX e 76 realizan as súas notificacións a través de Notifica.gal.
Outros servizos destacados son o Catálogo colectivo da Rede pública de bibliotecas, empregado por 215 concellos e 273 centros de lectura, o Rexistro de informes de avaliación de edificios, usado por 136 concellos, o Rexistro das policías locais, con 110 entidades adheridas, e o sistema de xestión dos centros de información á muller, presente en 84 concellos.
A rede de aulas CeMIT, dispoñible en 90 municipios, completa esta oferta, orientada a mellorar as competencias dixitais da poboación. Ademais, a Xunta facilita o acceso a sistemas de outros organismos, como LexNet (xustiza), HERMES (atestados policiais), DICIREG (rexistro civil), INSIDE (documentación electrónica) ou as plataformas de consulta de proxectos dos colexios profesionais de arquitectos e aparelladores.