A Xunta aplica robótica e IA en máis de 30 pilotos activos dirixidos a mellorar os procesos administrativos
mércores, 18 de setembro do 2024
A Xunta de Galicia, a través da AMTEGA, está a aplicar tecnoloxías de robotización e Intelixencia Artificial aos seus procedementos administrativos para incrementar a eficiencia na xestión, liberando aos empregados públicos de realizar tarefas repetitivas como a revisión de grandes volumes de datos e procesos recorrentes, de xeito que se poidan dedicar a tarefas de maior valor engadido.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia informou de que en total son 31 os procesos automatizados, 22 deles en marcha e outros 9 que se irán desenvolvendo ata finais de ano. “Entre febreiro e agosto deste ano, a automatización en marcha liberou os empregados públicos dunhas 12.000 horas de tarefas recorrentes, que puideron dedicar a tarefas de maior valor para os cidadáns e para a propia administración”, sinalaron fontes da axencia, engadindo que o obxectivo é estender o uso destas tecnoloxías de forma progresiva a todos os procedementos que o requiran e incorporalas aos de nova creación para avanzar cara a unha tramitación integramente dixital. Con esta finalidade, a Xunta puxo en marcha en 2022 a plataforma de automatización intelixente e desenvolveu un plan para avanzar no seu uso.
O plan establece unha metodoloxía cos diferentes departamentos da Xunta para identificar que procesos son susceptíbeis de seren automatizados, como abordar o proceso e o seu seguimento, ademais do acompañamento e formación aos empregados públicos implicados.
A axencia autonómica explica que algúns dos procedementos nos que se está aplicar a automatización intelixente son o rexistro das autopsias no INE, un trámite que realizan mensualmente os forenses do IMELGA e que lles evita ter que mecanizar manualmente os datos dunhas 2.100 persoas cada ano; ou a xestión das altas e baixas das aplicacións corporativas que se realizan con cada traslado de unidade, unhas 10.000 ao ano.
Ata o de agora a comprobación de determinados datos vinculados a estes trámites viñan sendo realizadas por unha ou varias persoas, pero gora é un software específico o que leva a cabo esta tarefa repetitiva, de maneira automática e coa máxima precisión. Son, na maioría dos casos, procesos internos da Administración nos que a automatización “permite axilizar os procedementos e mellorar tanto os tempos como a calidade do servizo á cidadanía e o desempeño dos empregados públicos”, explican dende AMTEGA.
A posta en marcha da Plataforma de automatización intelixente, financiada con fondos achegados polo Mecanismo para a Recuperación e Resiliencia (MRR), enmárcase nas medidas do III Plan de Administración e Goberno Dixital 2025, para impulsar a eficacia na Administración, facilitar o traballo dos empregados públicos e ofrecer un mellor servizo á cidadanía.