A Xunta apoia a posta en marcha dunha plataforma dixital de comercialización de turismo rural

luns, 19 de outubro do 2020 Redacción

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou na Estrada na presentación da plataforma de comercialización de turismo rural galiciaturismorural.es, apoiada pola Xunta. A iniciativa púxose en marcha grazas a un convenio de colaboración entre a Administración autonómica e a Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur).
O acto celebrouse na Estrada, na casa rural Torres de Moreda, e contou tamén coa asistencia do presidente de Fegatur, Francisco Almuíña; da delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro; do alcalde da Estrada, José López Campos; e do presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.
A día de hoxe, a través desta nova plataforma xa se pode reservar en máis de 120 establecemento rurais e está aberta a adhesión de calquera dos preto de 540 aloxamentos rurais que hai en Galicia.
Rueda destacou a importancia desta iniciativa para facilitar o contacto dos viaxeiros cos aloxamentos, dun xeito rápido e directo, o que contribúe a aumentar a competitividade deste sector en concreto.
Ao respecto, puxo tamén en valor que o outono é unha boa oportunidade para dar un pulo ao turismo rural galego, gardando sempre as garantías sanitarias tanto para os viaxeiros como para as persoas que residen en Galicia. Neste sentido, destacou que os valores propios deste tipo de turismo (espazos naturais, pouco masificados...) adáptanse aos destinos que buscan os turistas durante esta pandemia.
Neste sentido, reafirmou o apoio do Goberno galego ao turismo en xeral, e ao turismo rural en particular, que están sendo especialmente afectados pola crise sanitaria. Lembrou, así, que Galicia puxo en marcha, entre outras iniciativas, o programa Galicia destino seguro, dotado con 8 millóns de euros, e que incluíu unha batería de medidas de apoio a estes negocios para adaptarse a esta nova situación. De feito, grazas ao traballo do sector, o turismo galego resistiu mellor o verán que a media do estado.
Xa no eido concreto do turismo rural e ademais desta plataforma de comercialización, a Xunta financiou tamén un convenio con Fegatur para a implantación de medidas hixiénico sanitarias entre os establecementos rurais; apoiou o programa Grazas por elixir Galicia, promovido por Agatur, que inclúe bonos para realizar actividades de turismo activo na natureza ou de visitas guiadas nas cidades; e está actualmente impulsando a iniciativa do Outono gastronómico, unha campaña que xa se leva facendo durante 14 anos e na que este ano participan 70 establecementos rurais.

PUBLICIDADE