A Xunta aposta por adaptar a industria aos retos dixitais para o avance das empresas

mércores, 6 de novembro do 2019 Redacción

Esta mañá no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela abriu as súas portas o Innovation & Manufacturing Brokerage Event, organizado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), que persegue a innovación e fabricación avanzada como canle para adaptar a industria galega aos retos dixitais para que as empresas gañen tamaño e avancen en internacionalización. Por iso, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, lembrou que a súa consellería destinará o vindeiro ano preto de 210 millóns de euros a lograr unha Galicia máis innovadora, potenciando os sectores nos que Galicia xa é líder, como o naval, o téxtil e a automoción, e explorando novas posibilidades que enriquezan o tecido industrial.
Conde sinalou que Galicia ten atopado novos focos de innovación, como o polo aeroespacial, o polo das TIC ou o polo de biotecnoloxía, que busca en Santiago novas sinerxías co ecosistema bio rexional, dotado dunha aceleradora centrada no descubrimento de novos fármacos. Tamén lembrou a aposta galega polos hubs de innovación dixital, e a nova convocatoria de axudas para empresas participantes nos mesmos que desenvolvan proxectos de I+D+i. Prevese ademais poñer en marcha un plan de impulso á transformación dixital, dotado con 5,3 millóns de euros.
No marco da Axenda Industria 4.0, a posta en marcha de solucións para avanzar na nova industria concretarase en iniciativas como os Centros de Fabricación Avanzada, que terán como obxectivo validar e demostrar recursos de tecnoloxías dixitais made in Galicia en sectores industriais concretos. Por outra banda, e mediante o fomento da colaboración entre empresas complementarias que xeren solucións conxuntas, impulsarase a iniciativa Maquinaria 4.0, que incidirá no desenvolvemento de provedores de bens de equipo para a nova industria.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria resaltou que o Innovation & Manufacturing Brokerage Event se desenvolve no marco da RIS3 Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, unha estratexia de especialización intelixente única en Europa que permite definir ámbitos de colaboración internacional, concretar programas de especializacións comúns, reforzar os sectores estratéxicos, e proxectar un desenvolvemento económico baseado na innovación e na investigación. Na súa intervención, Francisco Conde sinalou que a alianza entre Galicia e Norte de Portugal ten entre as súas prioridades a Industria 4.0 e a Industria da Mobilidade, con respostas baseadas na transformación dixital.
O conselleiro resaltou o traballo que se está realizando dentro do próximo programa marco europeo de innovación Horizonte Europa, centrado en fortalecer as bases científicas e tecnolóxicas da Unión Europea, fomentar a súa competitividade e facer fronte aos grandes desafíos mundiais. Tal e como apuntou Conde, o programa marco centrarase na revolución dixital, a economía circular e a transición cara un modelo de consumo baixo en carbono.

PUBLICIDADE