A Xunta aposta por unha modernización do sector comercial galego baseada na dixitalización e a sustentabilidade
venres, 19 de novembro do 2021
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía,
Empresa e Innovación, Francisco
Conde, destacou hoxe que o futuro do sector comercial pasa pola súa
modernización a partir da dixitalización e a sustentabilidade, tendo en
conta o actual contexto de reactivación tras a chegada da pandemia. Así o
manifestou durante a clausura do congreso
organizado pola Federación Galega de Comercio sobre a situación actual do
sector e as súas perspectivas.
“Ter un comercio dixitalizado é fundamental para chegar a
máis clientes e mercados, polo tanto, todas as decisións que supoñan máis
competitividade e estar máis preto dos galegos e as galegas, contarán co apoio
decidido da Xunta de Galicia”, asegurou durante a súa intervención por vídeo.
Neste sentido, os orzamentos do Goberno galego para o
vindeiro ano teñen ao comercio entre os seus ámbitos prioritarios, reservando
25 millóns de euros para impulsar, entre outros, novos modelos de negocio que
aposten pola sustentabilidade, o emprego mozo e a economía circular.
Incrementar o grao de personalización dos produtos e
servizos, coñecer mellor os gustos e as necesidades dos consumidores, así como
mellorar a experiencia do cliente, a comunicación e a imaxe de marca son algúns
dos outros retos que nomeou o vicepresidente económico en relación ao comercio
de proximidade. Ao mesmo tempo, asegurou que a situación actual vai permitir
potenciar un dos seus principais valores: a fidelización. “O sector é
consciente do novo contexto e asume con plenas garantías ese reto”, concluíu.