A Xunta aproba como proxecto industrial estratéxico o futuro CPD de Curtis

luns, 26 de xaneiro do 2026 Redacción

O Consello da Xunta vén de aprobar como proxecto industrial estratéxico o primeiro gran centro de procesamento de datos de Galicia, unha infraestrutura que se localizará no concello coruñés de Curtis e que estará impulsada pola empresa Galicia Green Data Center. A iniciativa mobilizará un investimento de 37 millóns de euros e prevé a creación de emprego tanto na fase de construción como unha vez entre en funcionamento, cun horizonte temporal que sitúa a súa posta en marcha a finais de 2027.
Este é o cuarto proxecto industrial estratéxico que recibe o visto e prace do Goberno galego, sumándose a outras iniciativas xa aprobadas nos ámbitos do metanol verde, a industria pesqueira e a produción de carbón vexetal. Coa súa execución, Galicia contará por primeira vez cunha infraestrutura destas características, pensada para aloxar datos de empresas e institucións da Comunidade Autónoma e para reforzar a soberanía no control da información dixital.
O futuro centro de procesamento de datos localizarase en catro parcelas do polígono industrial Curtis-Teixeiro, cunha superficie total de máis de 40.000 metros cadrados. A instalación contará cun data center TIER III cunha capacidade de ata 15 MW IT, distribuído nun edificio con tres salas independentes, ademais dunha subestación eléctrica transformadora anexa e das correspondentes conexións de subministración eléctrica.
A construción desenvolverase en tres fases. A primeira arrancará no primeiro semestre deste ano e inclúe a urbanización do ámbito, a garita de acceso, o edificio de oficinas e a posta en marcha da primeira sala, cunha potencia inicial de 2 MW, que se ampliará posteriormente ata os 5 MW nesta mesma etapa. No conxunto das fases de construción e funcionamento prevese a creación de 130 empregos directos, aos que se sumarán 45 postos de traballo estables cando o centro entre en operación.
As dúas fases seguintes permitirán completar as salas restantes ata acadar a capacidade total prevista de 15 MW. Segundo destaca a Xunta, esta actuación contribuirá ao impulso das tecnoloxías da información e da comunicación, ao desenvolvemento dun tecido industrial máis competitivo e innovador e á xeración de emprego cualificado, ao tempo que favorece un modelo económico máis sustentable e axuda a afrontar o reto demográfico mediante a atracción e o arraigamento de talento.
Galicia Green Data Center forma parte do grupo internacional Ingenostrum e foi creada en 2024 co obxectivo de promover proxectos de centros de datos sustentables, así como servizos de enxeñaría, intermediación e xestión de financiamento neste ámbito.
Coa aprobación deste proxecto, Galicia suma 18 iniciativas industriais estratéxicas declaradas ou aprobadas, que no seu conxunto supoñen unha mobilización de arredor de 3.000 millóns de euros e a creación de máis de 4.700 postos de traballo. O centro de Curtis intégrase, ademais, no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, orientado a facilitar a implantación e ampliación de iniciativas empresariais xeradoras de riqueza na Comunidade Autónoma.