A Xunta aproba o Plan director da industria TIC
luns, 29 de xuño do 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou o Plan director da industria TIC 2026-2028, «a folla de ruta coa que está previsto mobilizar case 62 millóns de euros en apoio ao sector». Segundo explicou, «o obxectivo é mellorar a competitividade das empresas TIC, xerar emprego de calidade e facer fronte aos retos do sector».
Galicia dispón así dunha nova ferramenta para impulsar a transformación do sector cara a unha economía máis verde e reforzar a súa posición como referente europeo en dixitalización e tecnoloxías innovadoras. O plan prevé mobilizar 61,8 millóns de euros a través de 77 medidas destinadas a favorecer o desenvolvemento de novas solucións e produtos, ao tempo que impulsa a creación de emprego cualificado e de alto valor engadido.
A industria TIC galega ten un peso destacado na economía pola súa elevada capacidade de innovación. Galicia ocupa o sexto posto entre as comunidades autónomas en emprendemento tecnolóxico, con 229 startups e 15 scaleups consolidadas. Ademais, o sector presenta unha importante participación en programas europeos de I+D+i, representa arredor do 2,5 % do PIB e o 2,2 % do emprego galego, con 23.467 afiliados. Desde 2020 medrou un 21 %, incorporando arredor de 4.000 profesionais ás 3.108 empresas que integran o sector, que alcanzou unha facturación anual de 3.932 millóns de euros en 2024, segundo o informe do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga).
A pesar destes indicadores positivos, o sector TIC galego, declarado estratéxico en febreiro de 2024 para a elaboración do seu plan director, continúa marcado pola elevada fragmentación empresarial, a escaseza de compañías medianas e grandes e unha forte concentración nas actividades de programación e consultoría, ás que se dedica o 67 % das empresas. Esta situación fai necesario promover novas solucións e actividades de maior valor engadido.
O plan director estrutúrase en dous obxectivos estratéxicos, seis eixos de actuación e oito ámbitos prioritarios que se concretan nas 77 medidas previstas. O propósito é consolidar Galicia como referente europeo na dixitalización e na adopción de tecnoloxías disruptivas, apoiándose nun ecosistema TIC sólido e colaborativo que favoreza o desenvolvemento económico, a creación de emprego e a transición cara a unha economía verde e dixital.
Entre as actuacións previstas ata 2028, Rueda destacou «unha nova liña de axudas para que pequenas empresas se incorporen ao negocio das tecnoloxías cuánticas e a intelixencia artificial», ademais da elaboración dunha estratexia do dato do sector público autonómico para mellorar a súa xestión e integración no marco legal vixente. Tamén se impulsarán iniciativas orientadas á creación de empresas de maior dimensión e capacidade tractora, favorecendo a súa presenza nas cadeas de valor globais, o reforzo da proxección internacional e a escalaxe empresarial.
O documento incorpora tamén un sistema de gobernanza para garantir a súa execución e seguimento, asegurando a coordinación e a participación das entidades e axentes económicos e sociais que contribuíron á súa elaboración, entre eles empresas, clústeres e asociacións industriais, centros tecnolóxicos, universidades, colexios profesionais, organizacións sindicais e empresariais e a Administración pública.
Estratexia de promoción industrial
Segundo explicou o presidente, o Goberno galego declarou ata o momento nove sectores estratéxicos para a economía. Automoción, construción naval, forestal-madeira e industria TIC xa dispoñen dos seus respectivos plans directores aprobados, mentres que os correspondentes á industria alimentaria, á función loxística, á construción, á metalmecánica e ao sector téxtil e da confección continúan en tramitación.
A elaboración destes plans directores forma parte da estratexia de promoción industrial da Consellería de Economía e Industria e complementa o Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais. O obxectivo é facilitar a transformación do tecido industrial galego e favorecer novas oportunidades de negocio que contribúan á xeración de riqueza e emprego de calidade.
