A Xunta aproba o Programa Galego de Intelixencia Artificial 2026-2028

luns, 24 de novembro do 2025 Redacción

Alfonso Rueda anunciou que o Consello da Xunta deu luz verde ao Programa Galego de Intelixencia Artificial 2026-2028, concibido como «a folla de ruta para avanzar moito e intentar xeneralizar o uso desta tecnoloxía na administración, nas empresas e no día a día dos galegos» .
Dotado con 54 millóns de euros, o plan aspira a ampliar os servizos públicos con IA en ámbitos como a xestión administrativa, a sanidade ou o tratamento de residuos. Trátase dunha nova fase da Estratexia Galega de IA 2030, unha vez asentado o marco operativo, tecnolóxico e normativo que sustenta o desenvolvemento ordenado desta tecnoloxía en Galicia.
O documento estrutúrase arredor de catro eixes que combinan o impulso á infraestrutura dixital, a capacitación ao longo da vida, a adopción estratéxica da IA tanto na Xunta como nas empresas e o fomento da investigación e da innovación. Entre as prioridades figura a creación dunha plataforma transversal para a análise e o manexo avanzado dos datos, con capacidades de supervisión, espazos de proba e modelos propios de linguaxe.
No ámbito administrativo, o Programa prevé asistentes virtuais para mellorar a atención á cidadanía e sistemas de tramitación máis áxiles e sinxelos. No relativo aos servizos públicos, incorpora medidas para unha xestión intelixente dos residuos, a anticipación de riscos e emerxencias, a mellora da mobilidade e o transporte, a predición de incendios forestais ou a reorganización parcelaria do territorio agrícola.
Tamén se inclúe a automatización de procesos vinculados ao solo residencial e ás vivendas protexidas, a análise da oferta e da demanda de emprego, a implantación de asistentes para resolver dúbidas ou xestionar citas sanitarias e o apoio á toma de decisións clínicas a través de ferramentas de análise avanzada.
O plan contempla igualmente liñas de apoio para que as administracións locais poidan adoptar solucións baseadas en IA, simplificando a contratación e facilitando a reutilización dos proxectos impulsados pola Xunta.
En paralelo, promoverase a adopción desta tecnoloxía nas empresas galegas mediante o Programa de axudas IA 360 e a liña Ticket Innova, orientada especialmente a pemes de sectores tradicionais. En total, destinaranse catro millóns de euros a estas convocatorias, que verán a luz en xaneiro.
O Programa inclúe ademais medidas específicas para reforzar o talento investigador, con axudas pre e posdoutorais, doutoramentos industriais e apoio á consolidación dos grupos e centros de investigación. Para garantir un desenvolvemento ético e transparente, a Xunta está a crear novos órganos de gobernanza como a Oficina Galega de IA, o Consello Galego de IA e mecanismos como o Inventario de sistemas de IA, así como estudos para medir o impacto desta tecnoloxía nos distintos ámbitos da sociedade galega.