A Xunta aspira a especializar Galicia en Ciberseguridade
xoves, 18 de xuño do 2026
A Xunta de Galicia reforza a súa aposta pola especialización tecnolóxica da comunidade no ámbito da ciberseguridade mediante a colaboración entre entidades, a captación de coñecemento e talento dixital, a formación e a sensibilización da cidadanía.
Estas liñas estratéxicas foron destacadas hoxe polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Damián Rey, durante a presentación do novo Centro de Innovación de Operacións Ciber Intelixentes de IndraMind na Coruña. As instalacións nacen coa finalidade de atraer e impulsar talento especializado na investigación de intelixencia artificial aplicada á ciberseguridade.
Damián Rey subliñou a coincidencia deste proxecto coa estratexia da Xunta de concentrar e atraer coñecemento tecnolóxico cara a Galicia. Neste marco, avanzou a próxima posta en marcha de dous centros demostradores de ciberseguridade industrial na Cidade da Cultura. Estas infraestruturas forman parte dunha rede de seis laboratorios que se están a desenvolver a través dun proxecto das Redes de Especialización Tecnolóxica no que participan Galicia, Cataluña e a Comunidade Valenciana.
O responsable de AMTEGA tamén puxo en valor o labor do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, a primeira estrutura de colaboración público-privada deste ámbito creada nunha rexión española. Ademais, lembrou os servizos de ciberseguridade que a Administración autonómica presta a concellos e deputacións.
Entre as iniciativas para reforzar a capacidade tecnolóxica de Galicia destacou igualmente o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia (CECIGA), actualmente en construción en Ourense, que ofrecerá servizos especializados a empresas, cidadanía e administracións locais.
No ámbito formativo, Damián Rey lembrou que a Formación Profesional conta con 14 cursos de especialización en ciberseguridade que suman 360 prazas. Tamén salientou as máis de 1.600 horas de formación impartidas a profesionais galegos nesta materia. A estas actuacións engádense campañas de sensibilización e iniciativas orientadas tanto á protección dos menores como ao fomento do talento dixital entre o alumnado galego.
