A Xunta aumentará a capacidade de almacenamento dos datos que xestionan todos os seus sistemas
mércores, 5 de marzo do 2025
O Consello da Xunta aprobou un acordo marco para adquirir novo equipamento para o almacenamento dos datos que xeran todos os sistemas e aplicacións da Administración autonómica. O acordo prevé un investimento de ata 23 millóns de euros, que permitirá, segundo fixo saber a AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), “aumentar a capacidade de almacenamento actual para dar resposta ás necesidades do incremento dos servizos dixitais”.
O obxectivo do acordo é “modernizar un equipamento clave na xestión e custodia dos datos que manexa a Administración galega, mediante a adquisición de cabinas de almacenamento, discos de alto rendemento ou directores de fibra para que os servidores teñan unha comunicación directa e de moi alta velocidade”.
Só entre 2022 e 2025 a capacidade de almacenamento da Xunta pasou de 4,8 a 8,3 petabytes. A este acordo marco pódense adherir outras entidades públicas.
Ademais de aumentar a capacidade de almacenamento, “o novo sistema proporcionará un acceso rápido e fiael aos datos, unha maior seguridade na súa custodia e unha optimización dos custos e un mellor rendemento das aplicacións, o que redundará nun mellor servizo aos cidadáns”, engadiron fontes do Executivo autonómico.
Este acordo enmárcase dentro da estratexia da Xunta de Galicia de reforzar a súa infraestrutura tecnolóxica para responder ás necesidades actuais e futuras dunha Administración dixital.
O Goberno galego apuntou que “esta media é fundamental para avanzar en iniciativas en marcha como a creación dun nodo que concentrará nun único punto todos os datos e a información sobre os cidadáns e as súas relacións coa Administración, o que permitirá que, nun futuro, os galegos e galegas poidan consultar a través da Carpeta Cidadá da Sede Electrónica toda a información relativa a eles, independentemente do departamento ou unidade coa que os xestione, e actualizar os seus datos unha soa vez, evitando ter que comunicalos a diferentes departamentos”.