A Xunta avala o Cloud Computing como unha ferramenta revolucionaria para o sector TIC

xoves, 20 de maio do 2010 Raquel Noya

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, maila directora xeral de Formación e Colocación, Ana Díaz, foron as encargadas de inaugurar, esta mesma mañá, o I Foro Galego Cloud Computing que se celebra hoxe no Centro de Novas Tecnoloxías da Consellería de Traballo e Benestar.
O evento, no que participan máis de duascentas persoas provintes do sector das novas tecnoloxías e a comunicación, ten como obxectivo analizar os diferentes puntos de vista e novidades sobre a virtualización e a computación en nube, co fin de establecer un diálogo neste sentido entre Goberno, Administracións públicas, tecido empresarial, líderes de opinión e fabricantes de software e hardware.
O Cloud Computing, ou computación en nube, é un modelo de computación flexible que permite a xestión de recursos de tecnoloxías da información como servizos a través de Internet, e desvincula o servizo informático do hardware que emprega.
Deste xeito, as empresas que empregan este tipo de solucións de virtualización teñen a capacidade de aforrar custes en infraestruturas e recursos, o que permite a expansión de grandes e pequenas empresas en todos os eidos.
En poucas palabras, podemos dicir que o concepto de nube supón a dispoñibilidade de acceso a recursos desde calquera punto e lugar, algo que traduce en amplos beneficios e redución de custes para as empresas galegas.

Aumento da produtividade
En palabras da responsable de Innovación Tecnolóxica, “o Cloud Computing é un chanzo máis na evolución da informática unha ferramenta que permitirá ás organizacións usar recursos das Tecnoloxías da Información dun xeito máis práctico, flexible e cómodo” .
Asemade, Mar Pereira, que na súa intervención destacou as vantaxes deste novo modelo de computación, apuntou as posibilidades que ofrece o Cloud Computing en canto á mellora de estruturas de custos, reacción rápida aos cambios do mercado e aumento da produtividade, o que converte este modelo “nunha tendencia que cambiará o ámbito tradicional dos negocios de servizos tecnolóxicos”.
Mar Pereira tamén sinalou “a seguridade e a interoperabilidade” como os retos fundamentais deste novo modelo de computación “xa que representan os puntos débiles que máis preocupan aos usuarios”. Por outra banda, para que o Cloud Computing teña éxito é fundamental impulsar a "conectividade" e estender as conexións de banda larga en Europa. Nesta liña, a secretaria xeral lembrou que a Xunta de Galicia está comprometida na extensión das infraestruturas de telecomunicación coa execución do Plan de Banda Larga. Esta iniciativa permitirá que moitas empresas que ata agora non dispoñían da posibilidade de externalizar mediante un modelo de Cloud Computing, o poidan facer en pouco tempo.
Ana Díaz, pola súa parte sinalou que no novo escenario económico da sociedade do coñecemento “as Tecnoloxías da Información e a Comunicación convertéronse decidida e definitivamente en elementos estratéxicos para garantir a competitividade das empresas en mercados cada vez máis globalizados e intensivos no uso da información e en motor de creación de emprego cualificado e de alto valor engadido”.