A Xunta avalía co CSIC accións para unha maior proxección internacional do CESGA

venres, 20 de decembro do 2024 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, mantivo hoxe unha reunión coa presidenta do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Eloísa del Pino, para avaliar futuras colaboracións entre este organismo estatal e a Xunta de Galicia, así como para dialogar sobre pulo que se lle está a dar ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e impulsar así conxuntamente a proxección internacional desta entidade.
Trátase da primeira reunión de Román Rodríguez coa responsable do CSIC tras asumir as competencias de Ciencia no Goberno galego., o conselleiro incidiu na importancia do traballo conxunto “entre entidades de diferentes administracións con un obxectivo común, pois é a mellor forma de acadar grandes resultados”.
Máis alá da colaboración que mantén a Consellería de Ciencia co CSIC en diferentes ámbitos relacionados coa investigación, destaca o traballo que se realiza no CESGA, que presta servicio a numerosos centros do CSIC, como son o Instituto de Física Teórica, o Instituto de Ciencia de Materiais ou o Instituto de Investigacións Químicas, entre outros. Esta colaboración converte ao CSIC na segunda institución (só por detrás da Universidade de Santiago de Compostela) que máis uso dos recursos de calculo fai do CESGA e conta para iso con 344 contas de usuario. A maiores, 126 proxectos dos investigadores do CSIC usan as infraestruturas do CESGA, o que deu lugar a 209 publicacións científicas.
Ademais de reforzar os lazos entre as entidades e valorar as colaboracións actuais, na reunión tamén se puxo sobre a mesa o impulso de novos proxectos conxuntos altamente estratéxicos para o propio Goberno galego e para o CSIC, e en especial para o beneficio de toda a comunidade científica.