A Xunta avanza na dixitalizacion plena dos procedementos administrativos

luns, 3 de novembro do 2025 Redacción

A Xunta prevé que o 95 % dos procedementos administrativos con máis de cen solicitudes anuais sexan completamente dixitais en 2027, segundo o Plan de traballo para a dixitalización plena dos procedementos 2026-2027, presentado hoxe no Consello.
O plan contempla un investimento de 9,79 millóns de euros e aposta polo uso da automatización, a intelixencia artificial e a analítica de procesos co fin de facilitar á cidadanía galega as súas relacións coa Administración e avanzar nos obxectivos do III Plan de Administración e Goberno Dixital.
Estas tecnoloxías permitirán ofrecer servizos máis eficaces, personalizados, accesibles e seguros. Humanizar a Administración é un dos principios da visión 360° da cidadanía impulsada pola Xunta.
A dixitalización integral e as automatizacións simplificarán a tramitación administrativa tanto para a cidadanía e as empresas (que non terán que achegar documentación xa presentada noutras dependencias) como para o persoal da Administración, que poderá dedicar máis tempo á resolución de cuestións específicas.
Neste contexto, continuarase traballando na simplificación dos procedementos. No que vai de 2025 analizáronse 40 procedementos e simplificáronse 22, o que suporá unha redución de cargas administrativas estimada en 40 % e beneficiará arredor de 180.000 persoas.
Tamén se impulsarán servizos proactivos que permitirán á Administración anticiparse ás necesidades da cidadanía mediante mecanismos intelixentes que activen automaticamente trámites dirixidos a persoas concretas, como a renovación dun carné ou a solicitude dunha axuda. Cada ano implementaranse cinco novos procedementos deste tipo.
O plan recolle ademais a ampliación das funcionalidades en mobilidade, como a aplicación Xunta Eu, e medidas para a dixitalización das oficinas de atención e rexistro, así como novos escenarios de interoperabilidade entre departamentos e administracións.
O informe distingue catro niveis de dixitalización, desde o 0 (procedementos sen ferramenta dixital) ata o 3, correspondente aos que contan cun sistema plenamente integrado cos mecanismos transversais de xestión interna. Na actualidade, o 31 % dos procedementos con máis de 25 solicitudes anuais están no nivel máis avanzado, e o obxectivo é acadar o 50 % en 2027. No caso dos procedementos con máis de 100 solicitudes, a meta elévase ata o 95 %.
As consellerías con maior grao de dixitalización son as de Economía e Industria (41 % no nivel 3) e Emprego, Comercio e Emigración (40 %), dúas das que concentran máis tramitacións. En canto á porcentaxe de solicitudes con expedientes na carpeta cidadá, xa é do 100 % nas consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes, e do Mar, mentres que en Medio Rural acada o 86 %.
Para alcanzar estes obxectivos, a Xunta desenvolverá sistemas transversais de tramitación, plataformas sectoriais e aplicacións específicas para pequenos procedementos, completando tamén a dixitalización das axudas e subvencións.
O modelo prevé ademais reducir o uso da solicitude xenérica e avanzar cara a unha visión integral mediante o uso universal de ferramentas dixitais integradas co sistema contable.
Por último, mellorarase a calidade dos documentos e datos mediante o impulso do arquivo electrónico administrativo (que actualmente integra o 42 % dos procedementos e aspira a chegar ao 70 % en 2027) e coa actualización continua da información das persoas a través da carpeta cidadá, en coordinación cun nodo centralizado de datos, o Citizen Data Hub, que permitirá un modelo de identificación único para cada cidadán.