A Xunta busca reter o talento da mocidade galega co programa Investigo 2025

martes, 28 de xaneiro do 2025 S. P.

Nas páxinas do Diario Oficial de Galicia (DOG) dáse conta dos detalles do programa Investigo 2025, con máis de 4,8 millóns de euros de orzamento para apoiar a contratación de menores de 30 anos no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación.
Cómpre subliñar que esta será a primeira vez que esta iniciativa se integre na nova Estratexia Mocidade Activa do Goberno galego para impulsar as oportunidades laborais e reter o talento da xente nova, que estará dotada con 20 millóns de euros.
Con esta medida quérese promover a contratación de entre 145 e 215 persoas segundo os módulos
salariais que se apliquen. A xeito de novidade nesta convocatoria de 2025, resérvase 1 millón de euros do orzamento para as entidades privadas sen ánimo de lucro e personalidade xurídica propia que teñan como actividade principal a I+D+i.
Máis polo miúdo, co programa Investigo, a Administración autonómica apoia a contratación de persoas mozas como investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais en
I+D+i en empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), ou en calquera outra radicada en Galicia con estas características.
As contratacións formalizaranse na modalidade de contrato indefinido a tempo completo, por un período máximo subvencionado de 12 meses. As persoas beneficiarias finais, de entre 16 e 30 anos, deben atoparse en situación de desemprego e estar inscritas como demandantes de emprego no momento de comezar a relación contractual.
Indo aos ámbitos de traballo, as persoas contratadas levarán a cabo as súas actividades preferentemente en eidos como o da transición ecolóxica, economía verde (enerxías renovábeis, eficiencia enerxética, tratamento de augas e de residuos e industria agroalimentaria) e dixitalización de servizos, enxeñaría de datos e data science. As iniciativas poderán desenvolverse tamén en ocupacións referidas á sanidade e investigación.