A Xunta celebra a posta en marcha do rexistro electrónico

luns, 13 de maio do 2024 Redacción

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, asistiu hoxe ao acto conmemorativo da posta en marcha do Rexistro electrónico e a total dixitalización deste servizo, organizado polos Rexistradores de Galicia. A Xunta comparte así con este colectivo profesional unha celebración que lle dá visibilidade a un importante avance na seguridade xurídica e que contribúe á accesibilidade e proximidade da xustiza, un marco de acción prioritario para o Goberno galego.
Nesta liña, a posta en marcha do Rexistro electrónico a raíz da entrada en vigor da Lei de dixitalización das actuacións rexistrais nos Rexistros da Propiedade, Mercantís e de Bens Mobles de España súmase a outros importantes fitos impulsados polo Goberno galego. Entre eles figura a dixitalización das máis de 200 salas de vistas da comunidade, todas elas xa equipadas para a celebración de procedementos de forma electrónica. Disponse así de salas de audiencia totalmente virtuais para levar a cabo accións telemáticas con plena seguridade xurídica e mellorar o acceso a distancia da cidadanía aos servizos prestados pola Administración.
Outro dos fitos cumpridos na xustiza galega é o da adxudicación do apoio aos proxectos tractores de dixitalización, que contou cun orzamento de case 15 millóns de euros. No marco deste obxectivo dotouse o persoal de postos móbiles e deslocalizados, e estanse a dotar as instalacións de medios para a celebración dos actos procesuais, como conexión WIFI, melloras do sistema de videoconferencia, ou servidores hipercorvenxentes. Tamén se reforzou a ciberseguridade con diversas medidas, entre outras accións.
Os avances na dixitalización da Administración de Xustiza en Galicia enmárcanse no III Plan Tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia. Senda 2025, que busca a consolidación dixital da xustiza, para facela máis próxima á cidadanía con capacidade para ofrecer uns servizos máis personalizados e adaptados ás súas necesidades. O Plan conta cun investimento de 43 millóns de euros en cinco anos, o que supón un incremento do 68 % respecto do investimento dos dous plans anteriores, Senda 2014 e Senda 2020, que mobilizaron 50 millóns de euros en dez anos para avanzar na dixitalización da xustiza galega.