A Xunta celebra en Santiago unhas xornadas contra as agresións nas redes

mércores, 13 de novembro do 2024 S. P.

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, convídanos a participar no evento Conectadas e seguras: Xornadas contra a violencia de xénero dixital, unha cita de referencia para abordar a problemática das agresións machistas no ámbito dixital e promover solucións innovadoras desde diferentes disciplinas. Celebrarase este mércores 13 de novembro pola tarde, entre as 16.30 e as 19.15 horas, dende o Hotel Puerta del Camino de Santiago.
O acto contará coa participación destacada de Roberto Barba Alvedro, director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, quen inaugurará a xornada e ofrecerá unha perspectiva institucional sobre os retos e compromisos da Xunta de Galicia neste ámbito.
A continuación celebrarase unha mesa redonda moderada por Estíbaliz Veiga na que participarán Ramón Arce Fernández, catedrático de psicoloxía forense e presidente da Sociedade Española de Psicoloxía Xurídica e Forense, Sonia Rey Salgueiro, xuíza titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller Nº1 da Coruña, Antonio Rial Boubeta, psicoloxía social experto no impacto das novas tecnoloxías, Iván Luis Vázquez, enxeñeiro informático experto en peritaxe xudicial, e Alberto Castro Vázquez, técnico dixital dos Equipos de Investigación Tecnolóxica (EDITE) da Garda Civil de Lugo.
Ás 18.00 haberá un descanso para o café e a actividade retomarase ás 18.30 horas cun relatorio sobre a Directiva (UE) 2024/1385 do Parlamento Europeo e do Consello de 14 de maio de 2024 sobre a loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica, a cargo de Sonia Rey Salgueiro.
A xornada rematará cunha quenda de preguntas a partir das 19.00 horas.