A Xunta celebrará os primeiros exames CELGA en liña no mes de novembro

mércores, 24 de setembro do 2025 S. P.

A Xunta de Galicia celebrará no mes de novembro os primeiros cen exames en liña das probas de acreditación de coñecemento do galego (CELGA) do nivel 4. Así o anunciou este 24 de setembro o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha interpelación no pleno do Parlamento de Galicia.
Amais, salientou que Galicia será “pioneira” con esta iniciativa, ao converterse na primeira Comunidade das que contan con idioma cooficial en implantar este tipo de probas de maneira telemática. A pretensión, segundo avanzou, é facilitar que “calquera persoa desde calquera recanto do mundo poida avaliar as súas competencias en lingua galega e obter unha titulación oficial”.
O conselleiro puxo o foco na importancia destes estes exames, que ata o de agora só se podían realizar presencialmente, por ser unha ferramenta “máis que útil para afianzar o interese pola aprendizaxe do galego, apostando pola formación”, tendo en conta que Galicia recibiu nos últimos cinco anos máis de 115.000 persoas chegadas de fóra da Comunidade.
Lembrou tamén que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xa está a ofrecerlles cursos de lingua e cultura galegas ás persoas non nadas en Galicia “co obxecto de que, ao remate deste mesmo ano, sexan máis dun cento os impartidos e unhas 1.500 os participantes nestas clases”. Para esta formación partillada por toda a Comunidade, precisou que se conta cos 28 concellos adheridos á Rede de Dinamización da Lingua e coa colaboración de Cáritas e Cruz Vermella.