A Xunta colabora no impulso dun campus virtual galego-luso centrado na igualdade laboral

venres, 26 de maio do 2023 S. P.

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou na presentación do círculo de traballo do proxecto Gemcat Capitaliza para promover a igualdade laboral e potenciar a xeración de emprego de calidade transfronteirizo. No marco do mesmo a Xunta, en colaboración coa Universidade de Porto e a Cámara Municipal de Braga, están a promover un campus virtual entre Galicia e o Norte de Portugal de formación en igualdade laboral para sensibilizar ás empresas, en especial as pemes, sobre os beneficios de aplicar medidas de conciliación e corresponsabilidade no seo das súas organizacións.
Con Gemcat Capitaliza, sinalou a directora xeral, búscase actualizar e homoxeneizar os servizos formativos en materia de igualdade existentes na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, mediante o desenvolvemento conxunto dun sistema formativo piloto (campus virtual transfronteirizo) baseado nun currículo formativo común de referencia na devandita temática. Está dirixido a capacitar, tal e como debullou Mancha, tres grupos de interese: persoal docente, técnicos/as de igualdade, e sociedade en xeral (empresas, persoas desempregadas, etc).
“Falamos de impulsar, entre outras medidas, un espazo virtual transfronteirizo piloto que sirva como vehículo de transferencia do coñecemento e recursos xerados tanto en Gemcat, como durante o proxecto de capitalización, en materia de igualdade laboral e Responsabilidade Social Empresarial, co fin de sensibilizar ás empresas, principalmente pemes, así como á sociedade en xeral, a través de accións formativas virtuais gratuítas enmarcadas en diferentes ámbitos, como son a conciliación e a corresponsabilidade, o acoso laboral ou teletraballo”, especificou Mancha.
O campus virtual xa impartiu ata o de agora tres obradoiros sobre o principio de igualdade, a formación nas empresas con perspectiva de xénero e o exercicio corresponsábel dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral respectivamente. O 6 de xuño celebrarase unha nova actividade sobre o teletraballo e a desconexión dixital.
Este espazo transfronteirizo innovador incorporará unha certificación que recoñeza as competencias adquiridas polas persoas que, a futuro, formarán e asesorarán a outros grupos para promover a igualdade de oportunidades no ámbito do emprego.

PUBLICIDADE