A Xunta comeza en Vilarmaior o seu proxecto de optimización da rede de augas mediante novas tecnoloxías

venres, 4 de outubro do 2024 S. P.

Este 1 de outubro a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitaba o concello coruñés de Vilarmaior, un dos escollidos para participar nunha iniciativa pioneira que ven de seleccionar a 27 concellos galegos de menos de 20.000 habitantes para comezar a traballar co obxectivo de optimizar o funcionamento dos seus sistemas de abastecemento en alta a través da aplicación e do aproveitamento das novas tecnoloxías.
Detrás desta proposta, convocada a finais do mes de xuño, atópase a Xunta, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia.
Cómpre sinalar que este procedemento foi adxudicado hai uns días por un importe de 5,3 millóns de euros (contía cofinanciada con fondos europeos a través do programa NextGenerationUE), a primeira fase do novo Plan de dixitalización do ciclo integral da auga comezará a executarse este mesmo outono co obxectivo de que todas as actuacións incluídas no contrato estean rematadas e operativas en xuño do ano 2026.
A salientar entre as accións previstas están a posta en marcha dunha Rede autonómica de estacións dixitais de medición e rexistro que permitirá a monitorización dos sistemas de abastecemento de auga potable en alta dos concellos. A previsión é chegar a 440 estacións repartidas por toda a Comunidade para rexistrar en tempo real os parámetros máis relevantes para a prestación do servizo, mellorando así o coñecemento que se ten sobre o uso e o aproveitamento dos recursos hídricos.
Engadir que toda esta información será dirixida a través dunha aplicación informática (os centros de xestión de datos locais) que se porá á disposición de cada concello participante para xestionar os datos das estacións e á vez, levar a cabo un control remoto e a visualización en tempo real da evolución de distintos parámetros, polo que se converterá nunha ferramenta moi útil para os xestores municipais deste servizo.
Asemade, os traballos completaranse cunha nova plataforma de xestión de datos a nivel autonómico para acadar a máxima calidade das augas e permitirán replicar en infraestruturas hidráulicas municipais o mesmo modelo dixitalizado que xa funciona en practicamente todas as estacións depuradoras que xestiona de xeito directo a Xunta.
Segundo Ángeles Vázquez a intención desta proposta é a dixitalización total das redes e a axuda aos concellos con menos recursos, de aí a escolla de priorizar aos concellos con menos de 20.000 habitantes. Neste senso, aos 27 municipios participantes nesta primeira fase (17 deles coruñeses, 4 ourensáns, 3 de Lugo e 3 de Pontevedra), explicou que se agarda que se poidan unir paseniño moitos máis, así como estender “esta nova etapa de dixitalización” tamén ás redes de saneamento e depuración de augas residuais municipais.
Para rematar, a conselleira fixo un recoñecemento especial ao compromiso amosado polo alcalde de Vilarmaior, Carlos Vázquez, coa mellora dos servizos relacionados coa xestión da auga. Un traballo que, explicou, tamén se reflicte nas axudas concedidas nos últimos anos a este municipio coruñés, que recibiu unha media de 85,5 euros por habitante desde 2021 a través das diferentes liñas de subvencións convocadas por Augas de Galicia en materia de abastecemento e saneamento.