A Xunta confía na investigación científico-tecnolóxica para fornecer o tecido industrial

luns, 16 de xuño do 2014 Redacción

Esta tarde, durante o acto conmemorativo do Día do Científico Galego dedicado ao entomólogo vigués Luis Iglesias, Alberto Núñez Feijoo avanzou que a Xunta activará novas liñas de apoio para reforzar a excelencia da investigación científico-tecnolóxica en Galicia e convertela en aliada do tecido industrial.
O presidente da Xunta recoñeceu que Galicia conta cunha comunidade científica “ben formada e cun alto grao de excelencia en campos de coñecemento estratéxicos para a economía galega”, por iso remarcou que a Administración galega quere facer unha aposta polo talento e polos investigadores máis brillantes. Unha aposta que, segundo dixo, será determinante á hora de competir nas distintas convocatorias do programa marco de investigación e innovación da UE para o período 2014.2020, o Horizonte 2020; e que será fundamental, abundou, para desenvolver con éxito os retos e prioridades establecidos na Estratexia de Especialización Intelixente, RIS3.
Entre as medidas postas en marcha polo Goberno galego para facilitar a transferencia dos resultados de investigación detallou a nova liña de apoio para atraer capital privado co que crear centros de innovación mixtos entre empresas e organismos de investigación, que mobiliza 30 millóns de euros. Tamén mencionou que só en 2013 a Xunta investiu preto de 2 millóns de euros para apoiar o traballo e a mobilidade de científicos e tecnolóxicos galegos, ou que se destinou unha partida de case 2 millóns de euros a impulsar a actividade innovadora dos cinco principais centros tecnolóxicos de Galicia mediante contratos-programa, unha contía que é parte dos 12 millóns de euros que o Goberno galego está a destinar neste eido.
E, ademais, referiuse ao éxito de convocatoria de programas para promover a innovación no tecido empresarial, como o Innterconecta II, que mobilizou nesta segunda convocatoria máis do dobre que na anterior, 150 millóns de euros; ou o Conecta PEME, que empezou este ano a súa segunda edición destinando preto de 15 millóns de euros.

PUBLICIDADE